Celebramos o Día da Música cun concerto de Budiño acompañado por novos talentos do ‘neo-tradicional’ galego

Santiago de Compostela, 04 de Xuño de 2024

A Xunta de Galicia celebra na Cidade da Cultura o Día da Música con Budiño, un dos músicos galegos máis internacionais, que presentará o seu último disco nun concerto gratuíto o venres 21 de xuño no Gaiás. O gaiteiro virá acompañado para a ocasión dun elenco de novas voces e talentos do neo-tradicional galego, cos que comparte o seu amor pola música de raíz e a vontade de experimentar coa electrónica.

A guitarra, o acordeón, a percusión tradicional, os arranxos electrónicos e as voces de Tania Caamaño, Mónica de Nut, Fran Barcia e Andrés Boutureira virán a sumarse a Budiño nun espectáculo alegre e potente que promete facer bailar a públicos de todas as idades.

O concerto servirá tamén para presentar na capital galega Branca Vela, o seu álbum máis recente. Un traballo no que o moañés recupera o instrumento que lle deu sona internacional, a gaita, aínda que esta lle ceda o protagonismo á voz cun amplo número de colaboracións, á marxe da banda que o acompañará na Cidade da Cultura.

As voces de 'Branca Vela'

Desde as voces do Coro da Ruada —recuperadas dunha gravación de 1929— en «Donón», tema que abre o álbum, ata o acompañamento do grupo Leilía en «Branca Vela» ou o propio Budiño e Guadi Galego cantando a dúo a letra composta polo escritor Manuel Rivas en «O Tolo de Abril», o disco caracterízase por ser unha obra compositiva coral que conxuga o tradicional coa vangarda, e as grandes voces do país co talento máis actual dentro do folk e o neo-tradi galego.

O listado de colaboracións do disco complétase con De VACAS (no tema «Fonte de namorar»), Tania Caamaño (en «Romaría do Caravel»), Diego Cabaleiro en «Serán de Niñóns», a poeta Antía Otero que pon as letras á voz en off de Uxía en «Tren Hotel», e os coros de Libeliñas e Tarandeiras de Xacarandaina na peza infantil «Un dragón de pé».