Cancións por regalos: estrea o ano coa enerxía dos monos furiosos

Santiago de Compostela, 30 de Decembro de 2015

Ningún dos cinco ten máis de 13 anos, pero xa poden presumir de ter gravado un disco nos míticos estudios Abbey Road de Londres. Son de Pontevedra e chámanse Furious Monkey House, a banda infantil revelación. O seu primeiro álbum "Run" deixa claro que a súa formación musical ten máis que ver cos Smashing Pumpkins ou Nirvana que cos Auryn. O sábado 2 de xaneiro tocarán no Gaiás, como prato forte dunha nova edición do festival solidario "Cancións x regalos", na que tamén estarán Eladio Santos, o cantante da banda "Eladio e os Seres Queridos", e Sleeping Cat, grupo galego liderado por Jerry Noia.

"Cancións por regalos" volve fiel a súa fórmula na que para poder entrar a estrear o ano con enerxía e boa música non é preciso mercar entrada: abonda con traer un regalo para donar á "Asociación de Iniciativa Social Berce", que logo os distribuirá entre familias sen recursos de Galicia.

O festival terá lugar a partir das 17  a 19 h. na planta -1 do Museo Centro Gaiás. Jerry Noia de Slepping Cat será o primeiro en subir a escena cun concerto especial con guiños ao público infantil. Seguirá Eladio Santos, que traerá tamén una actuación especial e finalmente serán os Furious Monkey House os que pecharán ao redor das 18 h. o festival cunha actuación na que presentarán os temas do seu álbum "Run".