‘Atardecer no Gaiás’ aposta en agosto polo rock, a electrónica, o pop e a música urbana

Santiago de Compostela, 05 de Agosto de 2026

A Xunta de Galicia programa no mes de agosto en Atardecer no Gaiás catro solpores musicais con seis artistas que conxugan música urbana, pop, electrónica e rock para todos os gustos. Os concertos gratuítos na Cidade da Cultura arrancan este xoves día 6 coas guitarras e a distorsión de Dogo, grupo compostelán de rock alternativo con influencias do post-punk e o shoegaze, a partir do que constrúen temas de atmosferas densas e melodías envolventes en galego.

O trío formado por Carlos Beiró (guitarra, voz), Xoan Escudero (baixo, voz) e Ángel Refojo (batería) publicou o ano pasado o seu primeiro EP, Brutalismo, logo de gañar o concurso Sonidos Mans Salas para bandas emerxentes. A actuación será ás 21,00 horas na Praza central do Gaiás.

Na semana seguinte, o ciclo de concertos de verán no Gaiás impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude programa tres citas consecutivas de mércores a venres. O 12 de agosto, o dúo lugués Galician Army presentará un set especial coincidindo co fenómeno astronómico do ano: a eclipse total de sol. Alberto Prado e Sergio Vallejo fan electrónica con alma galega, fusionando sintetizadores afiados cunha estética retro e a enerxía da música club.

O ‘Atardecer Fest’ máis urbano

O xoves 13 de agosto a música urbana será a protagonista absoluta coa segunda edición do Atardecer Fest. Serán tres os artistas que, a partir das 20,00 horas, actuarán no Gaiás: a icona da escena rapeira estatal Israel B —cunha comunidade de fans que supera os 835.000 ouvintes mensuais en plataformas—; a revolucionaria e comprometida Santa Salut, renovadora do hip hop da vella escola; e Silee, un dos novos valores galegos no xénero urbano, que aposta por un estilo ecléctico que mestura o rap e o trap con ritmos latinos e tradicionais.

Para rematar a semana e a décimo sexta edición de Atardecer no Gaiás, o venres 14 de agosto contaremos con Turista Sueca, un trío chegado de Barcelona pero formado por Lander (País Vasco), Jose (Andalucia) e Anna (Galicia) que combina pop e electrónica cunha actitude punk que transforma o cotián en sátira moi bailable.

O ciclo conta un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra para traer ao Gaiás un total de 14 artistas e bandas, cunha selección do mellor da escena galega en xéneros como o punk, o rock, a electrónica, o novo tradi e a música urbana, xunto con artistas destacados de Cataluña, País Vasco, Madrid e Andalucía. Trátase dunha proposta enmarcada na campaña Para gustos, cultura do Goberno galego, que este ano chegará a 200 localidades con máis de 3.600 propostas.