Os concertos gratuítos de Atardecer no Gaiás, impulsados pola Xunta de Galicia, rematan esta semana con tres citas de mércores a venres na Cidade da Cultura. O primeiro solpor musical coincidirá coa eclipse total de sol do 12 de agosto e estará protagonizada polo dúo de electrónica lugués Galician Army. Para gozar do fenómeno astronómico e do concerto, haberá reparto gratuíto de lentes protectoras a partir das 18,30 horas, na Praza central do Gaiás, ata esgotar existencias.
Galician Army son Alberto Prado e Sergio Vallejo, un dúo formado hai máis dunha década que saltou á fama polos seus remixes de Tanxugueiras, The Rapants ou Grande Amore, que se puideron escoitar en festivais como O Son do Camiño. Para o Atardecer no Gaiás teñen preparado un directo que inclúe temas propios do seu primeiro disco de estudo, Valuria, no que combinan os sintetizadores cunha estética retro e coa enerxía da música club.
A actuación comezará ás 20,45 horas, unha vez remate a fase de maior ocultación do sol, que acadará na Cidade da Cultura o 99,97%, segundo a información oficial do Instituto Geográfico Nacional.
Tres voces da música urbana actual
Os ritmos urbanos volverán conquistar a Cidade da Cultura o xoves 13 de agosto na segunda edición do Atardecer Fest, cita na que escoitaremos as iconas do rap estatal Israel B e Santa Salut xunto co artista emerxente galego Silee. O deu Bueu será o primeiro en subir ao escenario da Praza central, ás 20,00 horas, para presentar a fusión de trap con ritmos latinos e tradicionais que o fixo viral con temas como Milajros de Amil.
O hip hop revolucionario e feminista de Santa Salut tomará logo a remuda no solpor do Atardecer Fest. A rapeira catalá, todo un referente na escena urbana, emprega a música para denunciar inxustizas e romper estereotipos, cun estilo influenciado polo rap clásico dos 80, 90 e 2000.
Israel B será o encargado de poñer o ramo a esta cita dedicada á música urbana. O madrileño, coñecido como integrante dos grupos de rapeiros de culto Takers e Corredores del Bloque, despegou cunha carreira en solitario en 2018 que foi gañando en diversidade e popularidade con temas tan escoitados como YYANOSE ou Tranquilísimo, no que colaborou con C. Tangana.
O peche de Atardecer no Gaiás será o venres 14 de agosto con Turista Sueca. O trío formado en Barcelona promete un solpor de baile e diversión coa súa mestura de pop, electrónica e actitude punk. O grupo, que conta con raíces no País Vasco, Andalucía e Galicia, presentará os temas do seu LP debut, Síndrome de Estocolmo, cun directo explosivo e letras que transforman o cotián en crítica cargada de humor.
Programación ‘Para gustos, cultura’
Atardecer no Gaiás é unha das máis de 3.600 propostas impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dentro da campaña de verán Para gustos, cultura, que leva actividades de música, artes escénicas e exposicións a máis de 200 localidades galegas. O ciclo conta este ano tamén co apoio da Cervezas Alhambra, reafirmando o seu compromiso coas experiencias que convidan a gozar sen présa.
