Arrincan as 'Matinais Musicais' de inverno con Leticia Rey, Ual·la! e Multiplensemble

Santiago de Compostela, 03 de Febreiro de 2022

A Xunta de Galicia arrinca esta fin de semana na Cidade da Cultura de Galicia a primeira das propostas da programación de inverno do ciclo Matinais Musicais. Desta volta o cartel inclúe tres concertos para as mañás dos sábados 5 e 12 de febreiro e 5 de marzo que achegarán música de autor da man de Leticia Rey, estilo contemporáneo con Multiplensemble ou tablemusic, a particular maneira coa que o dúo Ual·la! entende as súas cancións con humor intelixente baseándose en elementos da vida cotiá.

A cantautora Leticia Rey, natural de Vila de Cruces, foi a gañadora no 2020 do certame que convoca Estudios Mans, da Fundación Paideia, que dá oportunidades a músicos emerxentes. A artista abrirá o ciclo o vindeiro sábado día 5 coa interpretación no Museo Centro Gaiás dos temas, en inglés e castelán, do seu primeiro EP, con música e letra propias. Ademais, estará acompañada pola súa banda: Iago Mouriño ao piano e teclados, Óscar Quintáns coa batería e o instrumentalista Jorge Quesada.

As creacións de Leticia Rey móvense entre o mundo dos soños e o real, con melodías inspiradoras e sons etéreos e moi persoais con toques de jazz, folk e indie, cos que pretende transmitir paz e conectar con quen a escoita.

Da música contemporánea á tablemusic

O ciclo continúa o 12 de febreiro no mesmo escenario coa actuación do dúo catalán Ual·la!, formado por Mateo Lai e Alba Rubió. Os seus compoñentes consideran que son únicos no seu xénero, que dan en chamar tablemusic, un termo utilizado para definir a súa particular e orixinal maneira de entender e facer as súas cancións.

¡PLAY! é o nome do espectáculo que porán en escena, mesturando música e humor con conciencia, intelixencia e orixinalidade. Así, Ual·la! convida ao xogo permanente relacionando elementos dispares sen un sentido concreto, facendo do cotiá e aparentemente simple algo creativo e artístico. Para iso válense de polifonías vocais e ritmos de percusión nunha mesa.

O colectivo de artistas vigués Multiplensemble pechará as Matinais Musicais o 5 de mar-zo. Rafael Yebra, co saxofón; Brenda Vidal, ao piano, e David Rodríguez na percusión deleitarán ao público co programa Perspectivas.

O seu repertorio reúne unha serie de pezas musicais para introducirnos no mundo da música actual a través dun itinerario polos continentes europeo, asiático e americano no que o ritmo e a melodía caracterizan cada unha das propostas. A diversidade, eclecticismo e variedade argumental destes autores convidan a unha viaxe na que gozar da música como a arte dos sons sen máis.

Entre as interpretacións incluídas no seu programa destaca a obra do compositor galego Eduardo Soutullo.

As entradas para asistir aos concertos están dispoñibles a través de Ataquilla.com.