Os artistas internacionais Ana Lua Caiano e Calle Mambo subirán esta semana ao escenario de Atardecer no Gaiás, o ciclo de concertos ao aire libre e gratuítos que programa a Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. Este xoves, a cantante e produtora lisboeta traerá a súa innovadora fusión de folclore portugués e música electrónica, pola que foi recoñecida como unha das artistas revelación no país veciño e levou tamén o galardón da crítica nos Premios da Música Portuguesa 2025 co seu álbum debut, Vou ficar neste quadrado.
Ana Lua Caiano consegue transportar ao mundo moderno o patrimonio da música tradicional portuguesa, combinando os sons do pasado e do cotián con sintetizadores e con letras poéticas que conectan fondamente coa audiencia. O público galego poderá gozar do seu estilo cativador o 10 de xullo, a partir das 21,00 horas.
Ao día seguinte, á mesma hora, tocarán na Praza central da Cidade da Cultura os chilenos Calle Mambo, unha agrupación que tamén parte do folclore para combinalo con beats e ritmos urbanos, mostrando a riqueza e diversidade das músicas de América Latina. Ata dez instrumentos tradicionais como a frauta de pan, a quena, o charango, ou o roncoco, entre outros, escoitaranse na ecléctica viaxe que propón a banda para bailar en Atardecer no Gaiás.
Programación de xullo
En total, o ciclo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inclúe este verán 11 datas e 16 artistas de estilos diversos, os xoves e venres ata o 21 de agosto. As citas para este mes de xullo continúan o día 17 co Atardecer Fest, unha xornada dedicada en exclusiva á música urbana, que protagonizarán tres voces destacas do rap actual: o vigués Dirty Suc, a malagueña Faenna e Al Safir desde Madrid.
O venres 18 de xullo será a quenda de Lua de Santana, artista galega de raíces brasileiras que mestura pop, música club e soul en temas idóneos para bailar. O último concerto do mes será o de Mocho Gris, o xoves 31. Este dúo galego-portugués expande os límites sonoros do pop incluíndo elementos do jazz e do tradi galego nas súas composicións.
Atardecer no Gaiás, que volve contar en 2025 co patrocinio de Cervezas Alhambra, encádrase na campaña Para gustos, cultura, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para levar máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías diferentes por toda Galicia ao longo do verán.
