Abre o 'Galiverso de Nadal' cunha visita virtual á casa do Apalpador e 12 experiencias inmersivas para todos os públicos

Santiago de Compostela, 02 de Xaneiro de 2023

A Cidade da Cultura comeza o ano cunha edición especial da instalación de realidade virtual Galiverso, que poderá visitarse desde hoxe luns día 2 e ata o 5 de xaneiro no andar -1 do Museo Centro Gaiás. Neste Galiverso de Nadal, a rapazada a partir de 6 anos de idade poderá entrar na casa do Apalpador e remexer no seu interior empregando tecnoloxías interactivas.

Esta nova experiencia organizada pola Xunta terá unha duración duns cinco minutos aproximadamente, atendendo ás recomendacións dos expertos para o uso deste tipo de lentes na cativada. Na casa do Apalpador os máis pequenos poderán interactuar con varios xoguetes, deixar unha mensaxe virtual no taboleiro ou mesmo sentar a carón desta figura mítica do Nadal galego para recibir unha sorpresa.

Os maiores de 12 anos poderán acceder á oferta completa do Galiverso, que conta a día de hoxe cunha ducia de opcións máis para mergullarse en monumentos e espazos naturais das catro provincias galegas sen saír da Cidade da Cultura.

Contemplar o solpor en Fisterra, as vistas da Coruña desde o cumio da Torre de Hércules ou o canón do Sil desde as alturas forman parte do catálogo actual de experiencias que se poden vivir no Museo Centro Gaiás. Tamén internarse na cripta do Apóstolo en Santiago de Compostela, nos mosteiros de Santa María a Real de Oseira e de Santo Estevo de Ribas de Sil, na torre de Xiá en San Paio de Narla, no templo romano de Santa Baia de Bóveda ou nunha palloza no Cebreiro, e percorrer a ponte romana de Ourense, a muralla de Lugo ou os tellados da Catedral de Tui. 

15 postos operando de maneira simultánea

Cada sesión individual terá unha duración máxima de 20 minutos, durante a cal será posible viaxar a un ou varios lugares do Galiverso desde un mapa virtual de Galicia. Cada destino conta, ademais, con textos e audios explicativos en galego, castelán e inglés.

O Galiverso de Nadal dispón de 15 postos individuais e poderá acoller unhas 275 visitas potenciais cada día, en horario de 11,00 a 14,30 e de 16,00 a 20,00 horas. O acceso á instalación de realidade virtual é gratuíto.

Tras o Nadal, o Galiverso volverá a instalarse no andar 0 do Museo Centro Gaiás, onde está a preparar toda unha nova serie de experiencias inmersivas para gozar durante 2023.

Desde a súa apertura o pasado 20 de outubro na Cidade da Cultura, o proxecto de realidade virtual, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, recibiu máis de 1.600 visitas.