Aberto o prazo de solicitudes para participar en residencias de creación e investigación artística no Gaiás

Santiago de Compostela, 09 de Abril de 2026

A Xunta de Galicia abre este xoves o prazo para soliciar as Axudas REGA para o desenvolvemento de residencias de creación e investigación artística no Gaiás. Trátase dunha convocatoria á que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina un total de 48.000€ e que que favorecerá a posta en marcha de seis propostas (8.000 € por axuda) vinculadas coas artes visuais, as escénicas, a música, o deseño, a arte dixital e, como novidade este ano, a investigación e curadoría cultural e artística.

Poderán optar a estas axudas, que se poden solicitar ata o 8 de maio, todas as persoas físicas cun proxecto orixinal e inédito ligado a algunha das seis modalidades da convocatoria. No caso das artes dixitais, valoraranse propostas artísticas innovadoras que utilicen medios dixitais e tecnolóxicos no seu proceso.

As residencias desenvolveranse entre os meses de setembro e novembro de 2026, por un período de entre tres semanas e mes e medio. Xunto co apoio económico, os proxectos seleccionados terán o acompañamento dunha persoa mentora especialista na disciplina creativa ligada á proposta, e disporán dun espazo de traballo na Cidade da Cultura, así como dos recursos técnicos e humanos propios do Gaiás.

Os resultados, que poderán ter unha vertente práctica, de investigación ou mixta, presentaranse ao remate das estadías nunha serie de encontros abertos ao público.

A convocatoria destas axudas forma parte do programa de residencias que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten en marcha para impulsar a creación artística tirando proveito das estruturas e equipamentos punteiros da Cidade da Cultura, así como de alianzas con organizacións e colectivos de renome dentro da creación contemporánea.

Nos últimos cinco anos, as diferentes residencias no Gaiás serviron para facer medrar preto de 110 novas propostas de artes vivas, música, plástica e instalacións artísticas, creación literaria ou arte dixital, e beneficiaron a máis de 370 artistas de Galicia, resto de España e tamén internacionais.

As bases poden consultarse na súa totalidade no Diario Oficial de Galicia e as persoas aspirantes deberán achegar a súa solicitude exclusivamente por medios electrónicos, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A selección será realizada por un xurado profesional, integrado por persoal da Fundación Cidade da Cultura e persoas de recoñecida traxectoria e competencia no sector cultural, en base á memoria e documentación achegada por cada aspirante.