40 líderes en ciencia, cultura, medio ambiente e cambios sociais no encontro internacional ‘Carta de Santiago’

Santiago de Compostela, 23 de Outubro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, avanzou esta mañá no Gaiás o contido do programa de Carta de Santiago, un dos principais eventos de reflexión no marco do Xacobeo 21-22, organizado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Paideia Galiza. Este encontro internacional, que terá lugar entre o 5 e 7 de novembro na capital galega, congregará 40 líderes en eidos como a ciencia, a cultura, o medio ambiente ou o cambio social.

Ao longo de tres días, a Cidade da Cultura acollerá representantes da Organización Mundial da Saúde ou a OCDE, científicos recoñecidos por algunhas das institucións máis prestixiosas do mundo –como o MIT e as universidades de Cambridge ou Harvard– personalidades distinguidas con galardóns como o Premio Nacional de Ensaio, os Premios Princesa de Girona, premios de divulgación científica ou recoñecementos polo seu traballo en causas humanitarias e medioambientais. A inscrición para asistir ao encontro na Cidade da Cultura pode realizarse desde hoxe, de balde, desde a web www.cartadesantiago.com ou en Ataquilla.com. Ademais, poderá seguirse tamén a través de streaming.

O titular de Cultura do Goberno galego salientou que aproveitando a “excepcional oportunidade” que ofrece o Xacobeo e “en conexión co espírito de concordia que representa o Ano Santo, Carta de Santiago converterá a capital galega en escenario de 21 diálogos arredor da sostibilidade, que ademais tomarán forma nunha publicación que recollerá as conclusións do evento e textos complementarios ás conversas e debates”.

Carta de Santiago, destacou o conselleiro, contará coa presenza “dalgunhas das mentes máis brillantes do momento, persoas que desde a ciencia e a investigación están na primeira liña da loita contra o cambio climático e enfermidades coma o cancro, que co seu traballo están a debullar as claves para comprender e dar resposta a desafíos da nosa sociedade, como a relación entre tecnoloxía e democracia, o futuro das grandes cidades, as crises migratorias ou a transformación nas aulas da man da tecnoloxía e a innovación educativa”.

Pola súa banda, o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara, sinalou que para a entidade “este foro supón unha grande oportunidade para contribuír á promoción do pensamento crítico e reflexivo desde diferentes ángulos, cunha ollada posta no futuro e sen perder de vista un dos nosos obxectivos fundacionais, que é o de contribuír á construción dunha sociedade máis igualitaria, xusta e sostible”. Marisol Soengas, xefa do grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas e vicepresidenta da Asociación Española de Investigación sobre o Cancro, interveu tamén en nome do comité de co-creación do encontro, que contribuíu de xeito destacado á elaboración do programa presentado hoxe.

Economía, sostibilidade ou saúde pública

Gunter Pauli, autor da teoría económica da economía azul –e do best seller co mesmo título– será un dos relatores internacionais convidados a Carta de Santiago. O empresario belga, que está a revolucionar o debate sobre a sostibilidade, falará en Compostela sobre as claves para facer compatible compromiso medioambiental e crecemento empresarial promovendo unha economía baseada no binomio formado por creatividade e ciencia, co obxectivo de impulsar empresas que xeren beneficios respectando o planeta.

As persoas asistentes ao encontro escoitarán tamén a María Neira, a directora do Departamento de Saúde Pública da Organización Mundial da Saúde, que achegará o seu coñecemento e experiencia nun campo tan actual como o da saúde pública. Pese a ter que conectarse a distancia desde Glasgow, onde se atopa nesas datas participando na Conferencia das Nacións Unidas sobre cambio climático, a representante da OMS amosou o seu desexo de participar en Carta de Santiago, onde conversará con África González, galega que se ten convertido nunha das inmunólogas máis recoñecidas de España, ex directora do Centro de Investigacións Biomédicas e ex presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía.

Migracións, macro cidades e cambio social

Carta de Santiago tratará tamén temas de tanta actualidade como as crises migratorias ou o impacto e posibilidades das tecnoloxías para o cambio social. Farao con nomes como o da emprendedora francesa Joséphine Goube, creadora da plataforma Techfugees, coa que mobiliza a toda unha comunidade internacional de desenvolvedores e emprendedores sociais na creación de solucións que contribúan á inclusión das persoas refuxiadas, e que a fixo merecedora da distinción de Emprendedora Social da revista Forbes.

Desde o eido da tecnoloxía e as súas implicacións, o encontro contará tamén coa presenza de Daniel Innerarity, Premio Nacional de Ensaio, e unha das voces que mellor está a analizar as derivadas dun tema tan actual como a relación entre o respecto á privacidade e os algoritmos das grandes plataformas tecnolóxicas e redes sociais.

Mathilde Mesnard, directora de Asuntos Financieiros e Corporativos da OCDE e unha das maiores expertas na loita contra a corrupción e novos sistemas de goberno; e Carolyn Steel, especialista internacional no debate arredor das macro-urbes e no problema de alimentación nestas metrópoles –e autora de obras de referencia como Cidades Famentas e Sitopia– serán outras das figuras que se despracen en novembro a unha Compostela convertida en referencia do debate e axenda arredor da sostibilidade.

Analizando os retos do sector cultural

Desde o eido da cultura participarán tamén no encontro Pino Saglioco, presidente da Live Nation, promotor de xiras de artistas como Paul McCartney, Elton John, Lenny Kravitz ou Iron Maiden, que analizará os desafíos que está a vivir o sector cultural, especificamente o musical; ou Miriam Escofet, artista gañadora do BP Portrait –probablemente o premio máis prestixioso de retrato do Reino Unido–e elixida para realizar o retrato oficial da Raíña Isabel II.

Nomes como os da tamén artista Flavita Banana, a actriz Marta Larralde, ou os xornalistas Nacho Carretero, Jorge Neri ou Juan Manuel Zafra, entre outros, completan a nómina de relatores e relatoras do encontro correspondentes ao eido cultural.

Para a elaboración do programa contouse de forma destacada coas achegas do grupo de co-creación de Carta de Santiago, formado por galegas e galegos que destacan profesionalmente en diversos campos de coñecemento e acción. Deste comité forman parte nomes como o director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza; a divulgadora e Premio Nacional de Medio Ambiente Félix Rodríguez de la Fuente de Conservación de la Naturaleza, Mónica Fernández Aceytuno; a ex presidenta da Asociación Española para la Inteligencia Artificial (AEPIA), Amparo Alonso; a doutora en ciencias da Computación Ana Freire; o investigador premiado polo MIT César de la Fuente; a cantante e compositora Luz Casal ou o escritor Domingo Villar, entre outros.