O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, foi recibido no Parlamento de Gales (Senedd) pola súa presidenta, Rosemary Butler, e polo ministro de Cultura e Deporte dese país, John Griffiths, no transcurso dun acto ao que asistiron autoridades e delegados internacionais desprazados a Cardiff para participar en Womex 2013.
Vázquez Abad recolleu en nome do Goberno galego o testemuño que Gales lle cede a Galicia como país anfitrión do meirande mercado internacional da world music, que celebrará a súa edición de 2014 en Santiago de Compostela.
Na súa intervención, o conselleiro de Cultura e Educación agradeceu á organización da feira a elección da capital galega como próxima sede deste grande evento e, en consecuencia, o seu “recoñecemento implícito á calidade da nosa música e ao bo facer das nosas empresas”, continuou. “Tanto para as compañías como para a Xunta de Galicia, Womex é desde hai anos unha cita ineludible e un dos máis efectivos escaparates para amosarnos ao mundo”, afirmou ao tempo que fixo fincapé na extraordinaria repercusión que tanto para a nosa Comunidade como para a súa industria musical terá o feito de recibir a “gran comunidade internacional que cada ano se congrega arredor da World Music Expo”.
Riqueza da música galega
Incidiu, así mesmo, na riqueza da tradición musical galega, que –asegurou– “é un fiel reflexo da ancestral historia do noso pobo, cunha cultura e unha lingua milenarias que os nosos músicos contribúen a conservar e a divulgar”, ademais de deterse na historia do folk como “buque insignia“ da música galega e un “importante elemento de cohesión interxeracional”.
Xesús Vázquez Abad situou no crisol da música de raíz o nacemento e rápido desenvolvemento da industria musical galega, á que cualificou de dinámica e emprendedora, e que –nas súas palabras– “ten demostrado estar máis que preparada para dar un paso adiante na procura dunha maior proxección internacional do seu traballo”. Para o conselleiro, o esforzo que a Administración autonómica comparte coas empresas galegas ten conseguido xa grandes fitos e, neste sentido, lembrou que a música galega se escoita agora en todo o mundo e que os seus artistas teñen sido recoñecidos con distincións internacionais tan relevantes como os premios de world music da BBC británica ou os Grammy, entre outros moitos.
Acontecemento cultural de primeira orde
Tras definir Womex como “un acontecemento cultural de primeira orde”, remarcou o especial significado da presenza de Galicia na edición de 2013, que se desenvolve desde o mércores e ata este domingo en Cardiff coa participación de máis de 3.000 profesionais da música chegados de 90 países. “Estou convencido de que, desde a nosa capacidade para facernos presentes no mundo xunto a outras áreas xeograficamente dispersas, podemos enviar potentes mensaxes ao resto do planeta, pois a música non entende de fronteiras nin de linguaxes diferenciadoras”, subliñou defendendo tamén o papel deste tipo de eventos á hora de “dar impulso a unha cultura tan viva e rica como a nosa”.
Durante o seu discurso, o conselleiro manifestou o seu agradecemento a todas as entidades públicas e privadas implicadas no desenvolvemento do proxecto de Womex 2014, que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia e en diferentes espazos da zona histórica de Santiago de Compostela do 22 ao 26 de outubro. Esta colaboración encaixa coa aposta da Consellería de Cultura e Educación por estreitar as relacións entre as iniciativas pública e privada cara á promoción conxunta da música galega nos principais mercados, baixo a marca común GalicianTunes, así como por favorecer novas canles para a actividade empresarial e comercial das empresas do sector a escala internacional.
Impacto cultural, turístico e económico
Xunto coa repercusión que para a industria musical galega terá recibir no noso país un evento destas dimensións, cunha marca de prestixio a nivel mundial, a celebración de Womex en Santiago suporá tamén un importante impacto turístico e económico, cun retorno na economía local e galega estimado nuns 2 millóns de euros.
Xesús Vazquez Abad rematou a súa intervención convidando a todos os asistentes a compartir a “experiencia inesquecible” da celebración da World Music Expo en Santiago de Compostela, que coincide ademais coa conmemoración do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís á cidade do Apóstolo.








