Planta unha árbore no Bosque de Galicia

Santiago de Compostela, 09 de Febreiro de 2015

A Cidade da Cultura de Galicia convida á cidadanía a participar dunha forma simbólica na construción do Bosque de Galicia plantando unha árbore  no Gaiás. A través da Fundación Cidade da Cultura e co apoio da Fundación USC Deportiva, persoais individuais ou en grupos poderán acudir os sábados pola mañá e contribuír a encher de vida as ladeiras do monte Gaiás.

Planta unha árbore no Bosque de Galicia arrancará este sábado, 14 de febreiro, e terá lugar todos os sábados ata o 25 de abril, agás en Semana Santa. Con esta actividade, a Fundación Cidade da Cultura busca dunha forma lúdica e ao mesmo tempo didáctica achegar a cidadanía ao proxecto ao tempo que se difunden valores naturais e de conservación ambiental.

En cada xornada organizaranse dous grupos de 25 persoas: a primeira quenda ás 10 e a segunda as 11:30 e ademais de plantar unha árbore, os participantes farán un percorrido polo Bosque de Galicia, coñecerán de primeira man o proxecto e levarán para casa unha fotografía que recorde a súa contribución a este espazo verde. A actividade é de balde mais é preciso inscribirse previamente en www.fundacionuscdeportiva.org.

Plantación de Seaga e Amicos

A participación cidadá será un xesto simbólico co que se busca implicar á sociedade nesta nova área verde coa que contará Compostela tras o acondicionamento e intervención paisaxística das zonas non urbanizadas do monte Gaiás.

Desde o pasado mes de setembro, cando comezaron estes traballos, ate este momento, rozouse unha superficie de 22 hectáreas no monte Gaiás, plantáronse 3.500 árbores dos 9.800 previstos, todos eles de especies autóctonas, e rematouse co paseo arborado no actual vial de acceso á Cidade da Cultura. 

Ademais do asesoramento dos expertos da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega e dos criterios profesionais dos técnicos forestais de SEAGA, empresa pública de Servizos Agrarios, a plantación conta co traballo de persoal de Amicos, a Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Intelectual. 

Tal e como estaba previso no plan presentado públicamente en agosto, esta primera fase de actuación sobre o monte Gaiás complétase coa recuperación de camiños existentes e a apertura de novas sendas, que facilitarán o acceso a pé dos vistantes, achegando a Cidade da Cultura á cidade de Santiago. 

Próximas actuacións

Tras esta fase inicial de roza e plantación, o Bosque de Galicia sufrirá unha serie de actuacións artelladas en varias fases, que incluirá a ampliación dos traballos de limpeza e de roza pola ladeira noroeste, cara á pobación do Viso; así como a continuación dos traballos de plantación de árbores.

A construción dunha rede de sendas peonís completarase cunha mellora dos accesos entre as Brañas do Sar e a Cidade da Cultura, construíndo un escaleira de acceso que una o Gaiás coa cidade; e a apertura de novos camiños polas ladeiras noroeste e sureste.

Na fase final, realizarase unha actuación paisaxística específica no cumio do monte e procederase á recuperación dos trazados agrícolas así como á promoción e realización dos traballos necesarios para a realización de actividades produtivas: cultivos, alvarizas...

Co fin de garantir que o Bosque de Galicia sexa un espazo sustentable, o proxecto abordarase tendo en conta os seguintes principios de actuación: limitación de consumo de recursos naturais,  necesidade dun baixo mantemento, e a absorción dos residuos que xere. 

O proxecto do Bosque de Galicia elabórase a partir dos estudos e achegas procedentes dos seguintes organismos e documentos: Plan Sectorial da Cidade da Cultura de Galicia, Proxecto de Eisenman Architects, Laboratorio de Arqueoloxía, Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago, Plan de Mobilidade da Cidade da Cultura de Galicia, Plan Especial Brañas do Sar, Estratexia Verde para o Concello de Santiago, Escola Galega da Paisaxe Fundación Juana de Vega.