O Gaiás, plató de cine por un día

Santiago de Compostela, 28 de Abril de 2014

Durante toda a xornada deste domingo, a Cidade da Cultura convertiuse nun plató de cine para acoller un casting moi especial: o da primeira serie española en Lingua de Signos. Medio cento de persoas de entre 18 e 70 anos se daban cita no edificio da Biblioteca e o Aquivo de Galicia para participar na selección de extras da serie cómica Mírame Cuando Te Hablo, que se emitirá a partir de outubro a través de internet. 

“Este evento serve para constatar o enorme potencial expresivo que ten a xente xorda, xa que a súa lingua apoiase moitisimo na expresión corporal. Así mesmo, desta forma temos a oportunidade de valorar a pureza da Lingua de Signos e a capacidade de improvisación e expresión a través de clasificadores”, afirma Veru Rodríguez, director de IDendeaf e da produción audiovisual en curso.

Utilizar clasificadores significa informar dalgo creando imaxes coas mans, non a través da construción de palabras, senón a través da representación mímica de conceotos, dando información visual máis alá das palabras. Toda unha arte mímica paradoxicamente máis potenciado naquelas persoas que utilizan menos a Lingua de Signos propiamente dita. 

Os candidatos acudiron desde primeira hora da mañá bastante expectantes e un poco nerviosos, aínda que confiados en que a súa presencia poida darlles a oportunidade de obter un pequeno papel nesta produción pioneira que busca chegar a todos os públicos, no sentido máis amplo da palabra. Aínda que orixinalmente signada, tamén contará coa opción de dobraxe a tres idiomas, e audiodescrición para aquelas persons con dificultades visuais a maiores.

Un proxecto moi ilusionante que movilizou durante o día de onte o Gaiás grazas ao apoio da Fundación Cidade da Cultura e do que non tardaremos en saber de novo. Balbordo en silencio, a berros de ilusión coas mans.