A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través de Agadic e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, veñen de abrir un novo prazo de inscrición para o espazo de coworking ‘Emprende Cultura Gaiás, no que profesionais das industrias culturais poderán alugar un espazo onde desenvolver o seu proxecto.
Ante a alta demanda existente para ocupar un posto de traballo no Centro de Emprendemento do Gaiás, Agadic e a Fundación Cidade da Cultura decidiron ampliar a convocatoria inicial baixo as mesmas condicións: todo aquel que busque un lugar de traballo onde se fomente a creatividade, que teña lugar nunha contorna creativa e con asesoramento de expertos no sector cultural, pode presentar a súa solicitude a través do web www.agadic.info, acompañada dunha memoria do proxecto que se pretende levar a cabo.
Neste momento, o coworking ‘Emprende Cultura Gaiás’ conta con 23 empresas traballando na súa sede relacionadas co mundo audiovisual, a comunicación, organización de eventos, exposicións, imaxe e consultoría.
Unha opción accesible
Para a xestión deste espazo, situado no Centro de Emprendemento Creativo de Galicia do Gaiás, a Fundación Cidade da Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) asinaron en decembro un convenio que fixa as bases e convocatorias para a selección e seguemento das prazas de participantes no proxecto.
Deste xeito, a convocatoria inicial ofertou o aluguer de 20 espazos de traballo por 120 euros ao mes máis o IVE correspondente por un período inicial de seis meses, prorrogables por períodos similares ata un máximo de tres anos. Non obstante, o coworking do Gaiás ofrece prezos e horarios flexibles para adaptarse ás necesidades de cada empresa: desde os 120 euros ao mes a tempo completo aos 60 euros por media xornada ou mesmo os 50 por corenta horas libres ao mes.
Os interesados poden consultar as bases reguladoras desta iniciativa no Diario Oficial de Galicia que se publicou o 8 de novembro de 2013 e na propia convocatoria das prazas que está dispoñible nos enderezos web http://www.agadic.info/ e http://www.cidadedacultura.org/
Profesionais das industrias culturais
A estas prazas poden optar profesionais das industrias culturais: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, escritores-guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e proxectos culturais na internet e todos aqueles que teñan vinculación co sector cultural. Admitiranse tanto profesionais independentes como emprendedores que se atopen en proceso de constitución de autónomos.
A oferta do espazo inclúe unha mesa de traballo con conexión telefónica e de internet, estante de traballo, servizos comúns (sala de reunións para 10-15 persoas con wifi, proxector…), despacho para reunións, caixa de correo, almacén-taquilla, servizos de seguridade, subministro eléctrico, auga, calefacción e servizo de limpeza. Ademais, Agadic proporcionará inicialmente apoio e asesoramento na creación da empresa e organizará periodicamente exposicións de ideas e proxectos, encontros empresariais, e actividades de formación que apoien o desenvolvemento dos proxectos de emprendemento asentados no espazo Emprende Cultura Gaiás.
Solicitude + Memoria do proxecto
Os interesados deberán presentar unha solicitude dirixida á Axencia Galega das Industrias Culturais seguindo o modelo que está dispoñible no web http://www.agadic.info/. A solicitude deberá ir acompañada dunha memoria do proxecto que se pretende levar a cabo, con especial incidencia dos aspectos innovadores que tal proxecto presenta no eido cultural.
Unha comisión de avaliación, composta por persoal de Agadic e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e un representante das universidades galegas relacionado con áreas de coñecemento empresarial, avaliará as solicitudes presentadas. No suposto de que o número de peticións exceda o de prazas ofertadas terán preferencia na súa adxudicación os novos proxectos de autoemprego. A comisión non poderá adxudicar máis do 50% das prazas a un mesmo sector e poderá ampliarse a oferta, nun número non superior ao 50% das inicialmente convocadas, coa finalidade de atender a demanda de solicitudes previo aviso na web de Agadic.
