A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, reforza a súa aposta polo emprendemento coa creación dunha nova aceleradora de proxectos relacionados coa industria audiovisual e o sector cultural galego, que se localizará na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
O novo espazo de emprendemento xúntase á rede creada ao abeiro do convenio entre o Igape e a Escola de Organización Industrial (EOI) co obxecto de impulsar o reequilibrio territorial do emprendemento e que xa conta con seis novas aceleradoras nos concellos de Ferrol e Cabana de Bergantiños (A Coruña), Monforte de Lemos e Mondoñedo (Lugo), e en Celanova e Xinzo de Limia (Ourense).
A optimización da xestión económica desenvolvida en colaboración coa EOI, xunto coa cesión gratuíta de espazos para estes seis coworking por parte dos concellos e da Xunta, fixo posible a incorporación dun sétimo espazo de emprendemento, que estará focalizado cara á formación de emprendedores que impulsen proxectos innovadores e tecnolóxicos vinculados ao sector audiovisual, así como ao resto de industrias culturais, aproveitando o potencial neste ámbito existente na Cidade da Cultura.
Industrias culturais e tecnolóxicas
Os proxectos que se van apoiar estarán orientados á creación de empresas pertencentes ás industrias culturais e tecnolóxicas: proxectos impulsados por deseñadores, ilustradores, profesionais da comunicación, escritores-guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e proxectos culturais na internet, así como outros con vinculación en proxectos que fomenten a innovación cultural e as novas tecnoloxías.
Durante as próximas semanas prevese pechar a selección dos emprendedores que poderán recibir formación e asesoramento para impulsar os seus proxectos na Cidade da Cultura, un espazo cedido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
No caso dos espazos cedidos polos concellos de Cabana de Bergantiños, Monforte de Lemos, Mondoñedo, Celanova e Xinzo, e no cedido pola Xunta en Ferrol, será esta semana cando empecen a formarse máis dun cento de emprendedores correspondentes aos proxectos seleccionados na primeira convocatoria.
En cada unha das aceleradoras creadas pola Xunta de Galicia en colaboración coa EOI prevese a realización de catro convocatorias ou edicións cunha duración aproximada, cada unha delas, de cinco meses. En cada proxecto seleccionado poden participar un máximo de tres emprendedores. Deste xeito, o número final de emprendedores beneficiarios do programa pode superar os 1.750, contando os arredor de 250 emprendedores que se formarán no espazo de Santiago que hoxe autoriza o Consello da Xunta.
Estas actuacións completan o mapa galego de emprendemento, con máis dunha ducia de aceleradoras, como Agrobiotech, unha aceleradora especializada para a impulsar o despegue de empresas con gran potencial en ámbitos como a biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa, con sedes en Lugo e Ourense; Vía Galicia, unha aceleradora de emprendemento innovador na cal a Xunta colabora co Consorcio da Zona Franca, con sedes en Vigo e Lugo; Galicia Open Future, dedicada en Santiago de Compostela ao emprendemento tecnolóxico e na cal a Xunta colabora con Telefónica; Connecting for Good Galicia, tamén en Santiago, da man de Vodafone; ou a Bussines Factory Auto, en Vigo, que se vai poñer en marcha en colaboración con Citroën, o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o Consorcio da Zona Franca.
Deste xeito, a Xunta de Galicia busca fomentar o emprendemento e aumentar as posibilidades de éxito dos proxectos dos emprendedores, identificando aqueles con maior potencial de desenvolvemento.
