Entregados os premios 'Emprende Gaiás-Sixto Seco'

Santiago de Compostela, 15 de Xaneiro de 2014

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, acompañado pola familia Sixto-Seco entregou esta tarde os premios ‘Emprende Gaiás-Sixto Seco’, promovidos pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia para poñer en marcha ideas innovadoras no mundo das industrias culturais e creativas.

O acto celebrado no coworking do Gaiás contou tamén coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; o director de Agadic, Jacobo Sutil; e coas fillas do intelectual Agustín Sixto-Seco, destacado promotor cultural a quen se lle dedican estes premios nos que resultaron gañadores Hugo Crespo Pazos co proxecto Coolto na modalidade de proxectos culturais en internet, Isabel Albela González coa iniciativa Boh na área do deseño e Benjamín Trillo Díaz no eido da xestión cultural.

O conselleiro de Cultura e Educación felicitou aos gañadores así como a todos os participantes nesta convocatoria pola súa valentía e a súa capacidade para emprender en tempos de crise. Vázquez aseguroulles que o apoio ás industrias culturais e creativas seguirá a ser unha prioridade para este 2014, poñendo en marcha e apoiando iniciativas que contribúan a formar profesionais neste sector, dinamizar o tecido empresarial xa existente e potenciar as súas particularidades e necesidades.

Incorporación ao coworking do Gaiás

Cada un dos premiados incorporarase de balde e durante doce meses ao espazo de coworking ‘Emprende Cultura Gaiás’ da Cidade da Cultura; asistirá, con todos os gastos pagados, ao Zinc Shower 2014, o maior meeting show de industrias culturais e creativas realizado en España; e recibirá apoio, asesoramento e formación por parte de Agadic durante os primeiros pasos da empresa.

Á hora de avaliar os proxectos tívose en conta –e por orde de importancia- o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia.

Internet, deseño e xestión cultural

Na modalidade de aplicacións web e proxectos culturais en internet, o premio Emprende Gaiás-Sixto seco recaeu en Hugo Crespo Pazos e o seu soporte virtual Coolto. Concebido como unha ambiciosa axenda cultural galega, este portal estará dotado de tres apartados no que o usuario poderá atopar a axenda propiamente dita (exposicións, eventos e música), unha galería virtual na que creadores emerxentes poidan dar a coñecer e promocionar as súas creacións, e un apartado de noticias, bolsas e cursos de formación no eido cultural.

Na área de deseño, a gañadora foi Isabel Albela e o seu proxecto denominado Boh, unha novidosa liña de regalos e souvenirs moi vinculados coa tradición e coa modernidade galega. 

Por último na área da xestión cultural, Benjamín Trillo propón un novo paradigma creativo na xestión de espectáculos de Galicia cun obxectivo claro: dinamizar o tecido cultural da nosa comunidade. Este novo paradigma susténtase en tres piares: formación (promovendo estudos especializados e incorporando as últimas tecnoloxías), creación de festivais do século XXI ou nos que un espectáculo se converte en “vivencia” (deslocalizando os eventos e sacándoos fóra dos circuítos tradicionais) e promovendo novas relacións entre os colectivos que interactúan no panorama cultural, pasando dunha estrutura vertical a unha colaborativa. 

Homenaxe a Sixto Seco

Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego.

Tras a súa morte, e biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrada por máis de 4.000 volúmenes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios- forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.