Curso de Sumiller no Gaiás

Santiago de Compostela, 09 de Outubro de 2014

A Cidade da Cultura acollerá por segundo ano consecutivo o Curso Superior de Sumiller Profesional do Instituto Galego do Viño, iniciativa coa que se pretende avanzar na profesionalización dun sector punteiro na economía galega.

A apertura do curso terá lugar o vindeiro luns, 13 de outubro, a partir das 10 da mañá nun acto no que participará o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa; a Secretaria Xeral de Turismo, Nava Castro; e o alcalde de Santiago, Agustín Hernández. A ponencia inaugural correrá a cargo de Rafael Ansón, presidente da Real Academia de Gastronomía de España, tras o cal se entregarán os diplomas aos titulados do pasado curso.

Despois do éxito da primeira edición, a demanda para este II Curso Superior de Sumiller Profesional superou en moito as prazas ofertadas, polo que desde o Instituto Galego do Viño destacan o alto nivel dos alumnos tras un proceso de selección moi esixente. Ademais, esta segunda edición aposta pola proxección nacional e internacional, converténdose nunha referencia de calidade na formación de sumilleres profesionais e na difusión da cultura do viño galego.

Claustro de Estrelas Michelin

No claustro de profesores para esta edición 2014-2015, onde ademais de Xoán Cannas, Nariz de Ouro no 2004 e director deste curso, estarán Josep Roca, sumiller e copropietario de El Celler de Can Roca (tres estrelas Michelin); Ferrán Centelles, sumiller de El Bulli (tres estrelas Michelin), César Cánovas, mellor sumiller de España en 2006 e un dos dez mellores do mundo; Pepe Solla, dono e xefe de cociña de Casa Solla (unha estrela Michelin) e unha das referencias da gastronomía galega e do Grupo Nove; ou Michael Wöhr, un dos maiores coñecedores dos viños alemáns en España. 

Xunto a eles, estarán grandes profesionais do sector vitivinícola como Quim Vila, propietario de Vila Viniteca, unha das mellores distribuidoras de viño de alta gama en Europa; Joan Gómez Pallarés, catedrático e vicerrector de Investigación da Universidade Autonóma de Barcelona e autor do blog De Vinis; ou Víctor de la Serna, adxunto á dirección do xornal El Mundo, dúas veces Premio Nacional de Gastronomía e adegueiro de ‘Finca Sandoval’. 

Información especializada

Entre os obxectivos prioritarios do curso figura ofrecer información especializada desde unha perspectiva integral, abordando tanto fundamentos de viticultura, enoloxía e cata como técnicas de márketing e protocolo. Do mesmo xeito, afondarase nos retos vinculados á internacionalización do sector, a través da procura de novos mercados e da mellora dos niveis de calidade e innovación. 

Ao longo do ano abordaranse módulos formativos sobre técnicas de análise sensorial, variedades de uva, xeografía vitivinícola, enoturismo, marketing estratéxico, xestión de bodegas, servizos de sala, habilidades comunicativas e mesmo un módulo sobre outros produtos de sobremesa.