Arco Verde, esta fin de semana no Gaiás

Santiago de Compostela, 25 de Febreiro de 2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a celebración da VIII edición de Arco Verde, a exposición de planta ornamental máis importante do noroeste peninsular coa que se pretende impulsar varias rutas turístico-culturais de Galicia. 

O Museo Centro Gaiás acollerá os días 28 de febreiro e 1 de marzo a VIII edición da exposición de planta ornamental Arco Verde organizada pola Asociación de Productores de Plantas Ornamentales de Galicia (Asprogra). Ao longo de catorce stands, que ocuparán a planta -1 do edificio, poderán observarse as novidades do sector de cara á temporada de primavera, as tendencias a nivel europeo en planta ornamental e as últimas novidades. 

O VIII Arco Verde contará cunha sección dedicada á camelia, planta estrela de Galicia que forma parte do patrimonio histórico e botánico da xeografía galega. Neste contexto, a mostra ornamental busca achegarlle ao público unha planta fortemente enraíza en Galicia, con oitenta especies e preto de 30.000 variedades diferentes. Así, Arco Verde servirá para darlle unha maior difusión e promoción á Ruta da Camelia –un dos dez produtos cabeceira da marca turística de Galicia e única en Europa- e aos traballos da Camelia do Té e o Aceite de Camelia. 

Á marxe da exposición, presentarse tamén a norma de calidade da planta de Galicia, unha ferramenta indispensable para os produtores que queiran obter un distintivo de calidade e a primeira a nivel nacional. 

O certame está aberto a todos os profesionais do sector así como a todas as persoas interesadas no evento, en horario de 11 a 20 horas.