A Biblioteca de Galicia celebra o Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica a Francisco Fernández del Riego, cunha obra de teatro, A viaxe feliz de Ramón Sanfiz, a cargo da compañía Fantoches Baj.
Ramón Sanfiz, aventureiro e percusionista dunha orquestra de baile da Mariña lucense, disponse a percorrer un novo itinerario co seu triciclo. No encontro co público cóntalle a viaxe que realizou desde a súa vila natal ata San Andrés de Teixido, engarzando as diferentes historias que aprendeu dos habitantes que se foi atopando polo camiño.
Para a narración apoiarase en diferentes técnicas do teatro de rúa: a música, os monicreques, os romances de cego, o limberjack e o Kamishibai.
