A xornada Un bosque cheo de libros. A literatura infantil e xuvenil en galego na actualidade, que organiza a Biblioteca de Galicia, pretende facer un percorrido polos 100 anos da literatura infantil e xuvenil galega. Este mesmo período é o que se repasa na exposición “Unha árbore de historias”, que se pode visitar ata finais de maio no Gaiás, e da que nace esta xornada de formación. Aínda que haberá espazo para facer balance de todos aqueles elementos que conformaron a literatura infantil e xuvenil de noso tal e como a coñecemos, a énfase estará nos libros actuais para o lectorado en formación. Así, a través da experiencia, das reflexións e do debate entre autoras, ilustradores e especialistas en literatura infantil e xuvenil, preténdense achegar claves para a mediación lectora, particularmente dende as bibliotecas, á vez que se quere reflexionar sobre o estado das nosas creacións para a infancia e a mocidade.
As diferentes mesas redondas que conforman o programa teñen como obxectivo pór a énfase no presente e no pasado dunha narrativa infantoxuvenil máis que consolidada, nunha poesía innovadora tamén dende a perspectiva peninsular, nunha literatura dramática que continúa buscando o seu espazo entre as lecturas da xente nova, nun álbum ilustrado que se dirixe xa a todo tipo de públicos e nunha banda deseñada que segue a ser un xénero exitoso entre a infancia e a mocidade.
Como marco privilexiado, a conferencia inaugural de Fina Casalderrey sobre escribir literatura infantil hoxe e a conferencia de peche de Rosa Tabernero sobre cara onde camiña a lectura no século XXI prometen facer reflexionar ás persoas asistentes arredor dos retos para seguir formando lectoras e lectores. Todo isto coa arela de coñecer máis en profundidade ese bosque cheo de libros que é hoxe a literatura infantil e xuvenil galega.

5.01 MB |