Tres vellas, tres narradores e unha viaxe ao universo das romarías galegas. Tres Vellas na Romaría é un espectáculo de narración oral no que Celso Fernández Sanmartín, Guti e Quico Cadaval recuperan historias, crenzas, romances e personaxes ligados ás festas populares, nunha mestura de humor, tradición e memoria.
O espectáculo poderá verse na Biblioteca de Galicia con motivo do Día do Patrimonio Inmaterial, nunha celebración da palabra contada como unha das formas máis antigas de expresión teatral.
As tres vellas poñían os seus mellores panos rameados para saír bailar muiñeiras, xotas e bailes charros nos turreiros das festas. O seu mundo estaba feito de milagres, ofrendas devotas, supersticións, relatos humorísticos e ese particular equilibrio entre a fe e o espírito festeiro.
Agora, as tres vellas regresan para contalo. Unha viaxe entre os xeonllos esfolados das procesións e os pés encalecidos dos bailes, entre o sagrado e o profano, a través da palabra de tres narradores que recuperan este universo coa frescura dun tempo que semella pasado, pero que aínda vive nas historias.

