Que pasaría se deixaramos entrar ao aburrimento? Se, por un momento, non houbese nada que facer? Quizáis esta é exactamente a porta á imaxinación e a fantasía. A tarabela ambulante: Idea é un espectáculo teatral para a cativada que nos mergulla na historia de Mariña. Unha nena que, grazas ao aburrimento, entra nun universo cheo de seres fantásticos. En conmemoración co Día da Lingua Materna, a Biblioteca de Galicia trae esta proposta para gozar en familia e descubrir que o aburrimento é o motor que impulsa a creatividade.
A través dunha posta en escena chea de cor e movemento, coñecemos como o pensamento de Mariña toma forma nunha tarabela xigante de máis de dous metros que xira sen parar, facendo nacer ideas, xogos e aventuras. No seu cuarto, a pequena enfrontarase a dragóns e xigantes, descubrirá a forza do enxeño e mesmo aprenderá a tocar o violoncello, demostrando que cando a imaxinación se activa, todo é posible.
Xunto a Mariña, a rapazada descubrirá que os xoguetes poden ser enormes, que a maxia existe, que a música alegra o corazón e que nas súas propias cabeciñas agóchanse ideas formidables. Unha viaxe chea de fantasía que convida a mirar o aburrimento como un espazo fértil onde comezan todas as historias.

