Sol de Medianoche | Concerto homenaxe a Luz Pozo Garza

No marco da programación para celebrar o centenario do nacemento de Luz Pozo Garza, o Arquivo de Galicia, celebra un concerto homenaxe na súa memoria a cargo da mezzosoprano Joana Thomé e o quinteto de cordas Schubert, que interpretarán un programa baseado nos poemas do libro da autora Sol de Medianoche, con lectura dalgúns dos seus fragmentos.

 Quinteto de cordas Schubert

  • Gabriel Bussi e Ángel Marote, violíns
  • Raymond Arteaga, viola
  • Elena Escalza Cortina, violonchelo
  • Fernando Rodrigues, contrabaixo
 
Joana Thomé - Mezzosoprano

Rematada a súa formación no estudo de ópera da Guildhall School of Music and Drama (Londres), Joana Thomé debutou en Inglaterra en compañías como a English Touring Opera (ETO) e Grange Park nos papeis de Dido de Dido and Aeneas, Messagiera e Proserpina de L’Orfeo e Primeira Ninfa de Rusalka (Dvorak). Desde entón, a mezzo-soprano brasileira actuou en Italia, Francia, China, EEUU, Brasil e España, e os seus papeis representados inclúen: Rosina (Rossini), Hansel (Humperdinck), Lucretia de The Rape of Lucretia (Britten), Cherubino (Mozart), Dorabella (Mozart), Carmen e Mercedes de Carmen de Bizet, Béatrice de Béatrice et Bénédict (Berlioz), Xerxes de Xerxes (Haendel), Minerva de Il ritorno d’Ulisse in patria (Monteverdi), entre outros.

+INFO https://www.joanathome.com/

Gabriel Bussi - Compositor e violinista

Nado en 1975 en Montevideo, actualmente é profesor violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia e violinista do Cuarteto del Pino e do Schubert String Quartet, desfrutou dunha ampla educación musical en varios continentes.

Entre a obra recente, destaca a súa produción lírica, coroando o desen[1]volvemento artístico coa ópera La Tribuna e o ciclo de cancións Sol de Medianoche. Gabriel Bussi é membro da Asociación Galega de Compositores.

Poemario Sol de Medianoche

Testemuño da sabedoría e tenrura propias dunha autora nonaxenaria, os poemas de Sol de Medianoche (2013) están dedicados á memoria da súa neta Natalia, que sufriu unha enfermidade terminal e faleceu como adulta nova, despois de pasar unha infancia plena. En Sol de Medianoche, Luz Pozo relátanos escenas vividas coa súa neta, e en especial as confidencias da viaxe a Ålesund, en Noruega, que emprendeu a rapaza coa nai, podendo cumprir o seu devezo de contemplar o sol de medianoite boreal.

Lonxe de caer nun discurso escuro, Luz Pozo relata escenas da vida e do sufrimento de Natalia de maneira luminosa e transfigurada, levándonos a reinos superiores, facéndonos partícipes das súas ledicias e do transo doloroso que supuxo a enfermidade e a morte  da neta. É unha obra que apunta alén das meras vivencias, transformando o recordo da neta nunha lección profundísima sobre a vida e a morte.

Neste libro da súa última etapa creativa, Luz Pozo Garza intensifica o valor da poesía como camiño de coñecemento desde o real ao transcendente, o que lle dá máis significado aínda, xa que, visto desde a nosa perspectiva posterior, as figuras da neta e a avoa fúndense nun gran misterio espiritual.