Residencias Paraíso | Programa REGA 2022

Residencias Paraíso é un programa impulsado dende Colectivo RPM que conta co apoio da apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais para apoiar o desenvolvemento de proxectos relacionados coa danza e as artes vivas. A Cidade da Cultura colabora con esta actividade como parte do seu programa de residencias artísticas REGA 2022, e acollerá durante os meses de xuño e xullo, 2 das 8 propostas seleccionadas na convocatoria deste ano, nunha residencia compartida co Salón Teatro do Centro Dramático Galego.

Residencias Paraíso pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística galega e a súa conexión con outros territorios. Deste xeito, a edición de 2022 conta coa participación de artistas de Galicia e do resto da Península Ibérica (incluíndo por primeira vez Portugal). Cada residencia ten unha duración de 2 a 3 semanas nun dos espazos colaboradores do programa, que pola diferente tipoloxía favorecen o traballo das diversas fases dun proxecto artístico, dende a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico o a creación coreográfica, ata residencias de carácter técnico. 

A comisión de selección das Residencias Paraíso estivo formada por Nuria Sotelo (bailarina e creadora galega, responsable de A Casa Vella), Marta Valverde (artista visual galega e artista Paraíso 2021) e Iara Solano (artista, produtora escénica e comisaria independente vasca) como profesionais independentes, e Caterina Varela (directora Residencias Paraíso) e Rut Balbís (co-coordinadora Residencias Paraíso) por Colectivo RPM. Entre os proxectos seleccionados, realizarán o seu período de residencia no Gaiás Vaivén, de Marcia Vázquez, e ser,estar, parecer: atributos del verbo artístico, de Pura y Fachada. Ambas propostas serán desenvolvidas nos espazos de residencia da Cidade da Cultura e no Salón Teatro nos meses de xuño e xullo. 

Ademais, no mes de setembro terá lugar un encontro anual entre todos os participantes na Illa de San Simón, no que compartir as claves de cada experiencia en residencia e reflexionar de forma conxunta sobre temas transversais á comunidade artística. Nas Residencias Paraíso colaboran, ademais da Cidade da Cultura, o Concello de Santiago, o Concello da Coruña, o Concello de Lugo, o Concello de Ferrol, o Concello de Carballo e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

Residencias Paraíso no Gaiás

«VAIVÉN»MARCIA VÁZQUEZ

Vaivén é o desexo de oscilar no plano da física das ondas. Unha onda é un conxunto de partículas en movemento que desprazan enerxía a través da materia. O noso corpo é afectado continuamente por ondas e, á súa vez, transfórmaas. Vaivén relaciona danza, física e son. Xunto a Acacia Ojea navegando sobre as ondas sonoras, ámbalas dúas conectan coa paisaxe que as acompañou durante toda a súa vida: o océano Atlántico. "Unha investigación que se mergulla na vibración e que permite reverberar, á súa vez, no mar interior".

Marcia Vázquez (1994). Bailarina, performer e xestora cultural viguesa. Comeza pola danza urbana dentro do ámbito das batallas, pero apartires de 2016 decántase pola danza contemporánea. Forma parte da 3ª e 4ª xeración da formación internacional de La Faktoria Coreographic Center en Pamplona. Seleccionada pola Red Acieloabierto na beca de itinerarios formativos en 2019. O seu solo Onde pousa a humidade recibiu dous premios no festival DZM e unha mención especial "por levar o local, lonxe". Traballou en proxectos híbridos con variedade de artistas, no audiovisual un dos súas últimas colaboracións foi Neuronas a ceo aberto, videopoema de Lucía Estévez creado para a exposición Galicia Futura: todo o que imos ser da Cidade da Cultura. Á súa vez, combina a súa labor dancística coa xestión cultural. Marcia é unha artista inseparable da súa reivindicación persoal, corpo-comunidade, territorio-identidade.

Acacia Ojea (1994). Artista viguesa que traballa no ámbito das prácticas artísticas intermedias e que recentemente se adentrou no deseño sonoro dende a síntese e a composición algorítmica. Despois de estudar piano e percusión, graduarse en Belas Artes e especializarse en cine experimental e composición electroacústica, Ojea desenvolve transversalmente proxectos vinculados ás artes sonoras, á linguaxe fílmica e á xestualidade coma medio a través dun achegamento conceptual. Á súa vez investiga ao redor do impacto da dixitalización nas novas prácticas de música contemporánea, considerando sempre o entorno sonoro un estimulo latente dentro dos seus procesos de asimilación, creación e investigación artística.

  • Período de residencia: do 27 de xuño ao 10 de xullo 2022
  • Encontro co púbico: 15 de xullo ás 20.30h no Salón Teatro

 

«SER, ESTAR PARECER: ATRIBUTOS DEL VERBO ARTÍSTICO». PURA Y FACHADA

ser, estar, parecer: atributos del verbo artístico recolle unha serie de accións performáticas, públicas e espontáneas, con moito humor e ganas de gozar. Un proxecto que se move entre o cotián, a democratización da arte, a estética relacional e a hibridación arte-vida, devolvéndoa á nosa rutina.

Pura y Fachada nace en marzo de 2022. Xogando e danzando falan de xénero, relacións interpersoais, ruralidade e arte-precariedade. Fixeron en directo a acción HablarPaja (2022) na exposición Mujeres artistas coa galería ArtTazgona, en Antequera; falaron delas en Kaldo Magazine (Ellas son Pura y Fachada, 2021); ademais de iniciar o proxecto de residencia artística independente TotalArt (2021), xerme deste proxecto compartido. Individualmente, ambas as dúas artistas estudaron o Grao en Belas Artes en Pontevedra (UVigo) e o Máster en Produción Artística Interdisciplinar en Málaga (UMA); e colaboraron e participaron en proxectos tanto nacionais como internacionais, desde Málaga ou Santiago ata Barcelos e Santo Domingo.

  • Período de residencia: do 11 ao 30 de xullo 2022
  • Encontro co púbico: 29 de xullo ás 20.30h no Salón Teatro