Residencia Literaria da Cidade da Cultura | Programa REGA

A Residencia Literaria da Cidade da Cultura é un novo proxecto deseñado para o apoio e acompañamento de escritores emerxentes e inéditos baseado no intercambio de experiencias e a posta en común de coñecementos: un espazo para a escritura e o talento; para falar e crear, para aprender e compartir; un espazo para escoitar e ser escoitado, e para compartir a crítica e tamén o eloxio. 

Conscientes de que unha das dificultades que enfronta o escritor novel é a soidade da creación, a falta de guía no proceso e a ausencia de valoración externa, a Residencia facilitará aos participantes a disección do proxecto literario propio ao tempo que lles invita a aprender da análise dos traballos dos compañeiros e compañeiras. E moito máis ca iso: tamén da análise de lecturas relacionadas coa súa escrita, de charlas con autoras de primeiro nivel ou intercambios con outras disciplinas artísticas. 

Non menos importante, a Residencia axudará ao crecemento persoal compartindo tempo e espazo con persoas moi diferentes cunha paixón en común: a literatura. Está dirixida polo escritor e profesor de escritura creativa Javier Peña, que participará en todas as actividades cos residentes, e contará coa participación de dúas das escritoras máis destacadas do panorama actual: Sara Mesa e Berta Dávila.

Proxectos a desenvolver

A Residencia está concibida para o desenvolvemento e mellora de proxectos persoais de narrativa, polo que os residentes comprométense a presentar un proxecto orixinal para o traballo e posta en común durante os días de Residencia. Poderá tratarse de novelas de ficción, novelas de non ficción (autoficción) ou coleccións de relatos. No momento da inscrición, o estado de desenvolvemento dos proxectos presentados pode ser completo (obra rematada inédita), intermedio (obra iniciada mais non completada) ou inicial (desenvolveuse a sinopse e o traballo previo, mais non se comezou a escrita). Os proxectos poderán presentarse en galego ou castelán.

Biografías

SARA MESA

Unha das escritoras máis importantes da súa xeración. A súa última novela Un amor (Anagrama, 2020) foi recoñecida coma a mellor do 2020 por medios como El País, El Mundo ou La Vanguardia. Antes de Un amor, chegaron as novelas Cara de Pan (Anagrama, 2018); Cicatriz (Anagrama, 2015), que se colocou tamén entre as mellores novelas do ano e lle valeu o Premio El Ojo Crítico de Narrativa; Cuatro por cuatro (Anagrama, 2012), coa que foi finalista do Premio Herralde de Novela; ou Un incendio invisible (editada no 2011 pola Fundación José Manuel Lara e reeditada en 2017 por Anagrama). Publicou tamén volumes de relatos, entre os que destaca Mala letra (Anagrama, 2016); o ensaio Silencio administrativo (Anagrama, 2019) sobre a problemática da pobreza o senfogarismo; e a obra de poesía Este jilguero agenda (Devenir, 2007), coa que gañou o Premio Nacional de Poesía da Fundación Cultural Miguel Hernández. Imparte talleres de escritura creativa na escola Fuentetaja.  

 

BERTA DÁVILA

Voz imprescindible da literatura galega actual, Berta Dávila ten conquistado público e crítica coas súas novelas. Carrusel (Galaxia, 2019; Barrett, 2021), cuxa tradución en castelán publicou este mesmo ano a editorial sevillana Barrett, recibiu os premios Manuel García Barros de novela e o premio da Crítica española en lingua galega; Illa Decepción (Galaxia, 2020) valeulle o Premio de Narrativa Breve Repsol; mentres que O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia 2013), que conta cunha adaptación en banda deseñada, acadou o premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción e o premio Narrativa Breve Repsol. Tamén foi premiado o seu debut na novela, Bailarei sobre a túa tumba (Biblos, 2008), co Biblos-Pazos de Galicia dirixido a autores menores de 25 anos. Alén da narrativa, publicou os poemarios Corpo Baleiro (Espiral Maior, 2007) e Raíz da fenda (Xerais, 2013), co que conseguiu o premio da Crítica española en lingua galega, o premio da AELG ao mellor poemario e o premio Johán Carballeira de Poesía.

JAVIER PEÑA

Escritor, xornalista e profesor de escritura creativa, deuse a coñecer coa súa novela de debut, Infelices (Blackie Books, 2019), que foi elixida entre as mellores novelas do ano por xornalistas e críticos de medios de comunicación como a Cadena SER, RNE, La Voz de Galicia ou Zenda. Creador e coordinador das dúas edicións do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura, que se celebraron en 2019 e 2020, tamén deseñou o Taller de Novela Casa Blackie, que imparte en liña e celebra na actualidade a súa quinta edición. Así mesmo, desenvolveu un Obradoiro de Estilo en 2020 en colaboración coa Biblioteca Ánxel Casal de Santiago e a Biblioteca Antonio Odriozola de Pontevedra, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21. Antes de dedicarse plenamente á narrativa, foi xornalista deportivo, asesor político e codirixiu a web cultural galega Inorantes (2018-2019). Javier Peña é o director da primeira Residencia Literaria da Cidade da Cultura.