«PLASMA» é un proxecto do compositor Pedro González que axuda a entender como se constrúe o universo dun concerto de música contemporánea a través do uso da música, a imaxe e a realidade virtual, combinando a vangarda musical europea cos últimos avances tecnolóxicos. Trátase dunha experiencia inmersiva que permite ás persoas visitantes do Museo Centro Gaiás explorar unha contorna dixital que representa a obra musical creada polo compositor Pedro González e os ensembles Klexos e Mosaik, e que foi presentada en formato concerto dentro do festival RESIS de música contemporánea da Coruña.
A instalación é o resultado dunha residencia artística realizada entre o 29 de abril e o 3 de maio na Cidade da Cultura, na que se definiron os materiais multimedia e ensaiaron os fragmentos que conforman a obra musical. As paisaxes abstractas que se poden atopar derivan do proceso de creación da peza e sincronízanse cos sons gravados e procesados polos músicos. A instalación conta cun sistema de difusión de son multicanal e as imaxes tamén son proxectadas en vídeo na sala.
Pode visitarse de maneira gratuíta os días 13 e 14 de maio no andar 0 do Museo Centro Gaiás, en horario de 11 a 14.30 horas e de 16 a 20 horas. A experiencia ten unha duración aproximada de 35 minutos e é accesible a partir dos 12 anos de idade. A sala conta cun par de lentes de realidade virtual e poderán permanecer no seu interior un máximo de tres persoas á vez (contando á persoa usuaria dos lentes de RV).
FICHA ARTÍSTICA
- Pedro González - concepto, dirección artística, composición musical e multimedia
- Mosaik Ensemble:
- Ernst Surberg - Teclados
- Karen Lorenz - Viola
- Chatschatur Kanajan - Violín
- Christian Vogel - Clarinete baixo
- Klexos Ensemble:
- Javier Juanals - Saxofón barítono
- Carlos Tena - Saxofón alto
- Pablo González - Saxofón soprano
- Sara Méndez - Saxofón tenor
- Jari - Asesoramento en elementos de dramaturxia
- Sílvia Navarro - Asesoramento externo
Pedro González
Pedro González é un compositor galego activo en diferentes disciplinas dentro do ámbito da arte contemporáneo, como a composición multimedia, a animación 3D ou a investigación artística. Na súa obra compaxina a performance coa vídeo- instalación, a danza, o teatro e o uso de novas tecnoloxías aplicadas á creación escénica. Os seus traballos presentáronse en diversos festivais internacionais, como o International Computer Music Conference, Sound & Music Computing Conference, GRAME- centre national de création musicale, Zither auf Zeche, Next generation- ZKM, Anachronisms, Impuls Festival Akademie, ou Manifeste- Ircam, en diversos países como China, Alemaña, Estonia, Rusia, Suecia, Francia, Holanda e España, entre outros.
Actualmente exerce como docente na Escola Superior de Música de Catalunya ademais de ser profesor adxunto na Universidade de Música e Drama de Hamburgo e o responsable do estudio de música electroacústica da universidade de Lübeck.
Mosaik Ensemble
Mosaik Ensemble é unha coñecida agrupación de música contemporánea fundada en 1997. Nestes 26 anos, crearon unha orquestra cun perfil distintivo que desenvolve actividades caracterizadas pola súa estreita colaboración cos compositores máis novos e a inclusión dos medios dixitais nas áreas de composición, interpretación e presentación, integrando elementos escénicos e visuais nos seus concertos.
Klexos
Fundado en 2016, Klexos é un dos ensembles emerxentes con máis proxección do panorama nacional e internacional dentro do ámbito da nova creación musical contemporánea.
Comprometidos coa innovación e o traballo man a man con compositores novos, así como cunha revisión do canon da práctica interpretativa tradicional. Nos seus espectáculos combinan performance, vídeo-instalación e recursos interdisciplinares derivados da danza ou o teatro, co uso das novas tecnoloxías aplicadas á creación escénica. Levaron a súa proposta a salas de Europa e América (España, Alemaña, Suíza, Francia, México, Chile, Perú).
