Os seis misterios de Gallaecia Petrea

Viaxar pola Historia de Galicia a través da pedra agora ten premio. Do 4 ao 31 de marzo, as familias que se acheguen a visitar Gallaecia Petrea poderán meterse na pel de intrépidos arqueólogos e resolver os seis misterios que agocha esta exposición. Desvelar correctamente os enigmas terá recompensa: ademais de pasar un bo rato en familia e coñecer un pouco máis a nosa historia, os participantes poderán gañar paquetes de fin de semana para dous adultos e dous nenos nunha casa de turismo rural de Galicia. Participar é moi sinxelo:

  • Visitade o Museo Centro Gaiás.
  • Recollede no mostrador de entrada a ficha que contén os seis misterios.
  • Resolvede en equipo os enigmas que se formulan, contestando correctamente os maiores ás preguntas e realizando as actividades didácticas os máis pequenos.
  • Cubride os datos persoais ao finalizar o percorrido e depositade a ficha completa no mostrador de entrada.

Todos os audaces que logren desvelar correctamente os misterios de Gallaecia Petrea entrarán nun sorteo semanal do que sairán os nomes dos premiados.

Vive unha aventura diferente no corazón do Museo Centro Gaiás!

BASES DO CONCURSO

Condicións para participar: Só hai que contestar correctamente ás preguntas que se formulan no cuestionario que pode recollerse no mostrador de entrada do Museo Centro Gaiás e completar as actividades especialmente pensadas para os máis pequenos. Cubrir os datos persoais e de contacto e depositar a ficha no mesmo lugar de recollida.

Requisitos: Debe constar, como mínimo, os datos dun adulto. Só entrarán no sorteo os datos das persoas que cubran correctamente o cuestionario e o entreguen fisicamente no Museo Centro Gaiás entre o 4 e o 31 de marzo.

Premiados: Os nomes dos premiados daranse a coñecer os luns 11, 18 e 25 de marzo e o 1 de abril a través das redes sociais da Cidade da Cultura. Do mesmo xeito, contactarase persoalmente cos gañadores para comunicarlle o premio. No caso de que nun prazo de 48 horas non estean localizados, procederase a un novo sorteo.

Premios:

  • Dous paquetes de fin de semana (noite venres + noite sábado) para dous adultos e dous nenos en calquera dos establecementos rurais integrados na rede Agarimo. (Só válido en temporada baixa do establecemento elixido).
  • Dous paquetes de fin de semana (noite venres + noite sábado) para dous adultos e dous nenos en calquera dos establecementos rurais integrados na rede Pazos de Galicia.
 
En familia
 
22 - 26 xuñ [Agás 24 xuñ] | 29 - 3 xull
De 10.00 a 15.00 h (+servizo madruga desde as 8.00h)