Os DescArtes de «A gaivota. Ensaio aberto» | REGA 2026

As residencias escénicas DescArtes continúan este outono no Gaiás coa mostra de A gaivota. Ensaio aberto, o venres 25 de setembro no Espazo REGA 3.

Rematada a súa estadía de traballo no Gaiás, os directores, Santiago Cortegoso e Neto Portela, así como as actrices Déborah Vukusic, Mercedes Castro e Uxía Suevo, compartirán co público algúns dos materiais escénicos (escenas, textos, elementos escenográficos, etc.) que foron rexeitados na montaxe final do espectáculo e os motivos polos que quedaron fóra. As persoas presentes neste encontro poderán dar tamén o seu punto de vista, nun proceso participativo que quedará rexistrado nunha sorte de “libro de descartes”. A entrada é gratuíta, con reserva de praza na columna dereita da web.

«A Gaivota. Ensaio aberto»

A gaivota. Ensaio aberto é unha síntese contemporánea do clásico de Antón Chéjov para tres actrices nun espazo escénico poético e minimalista.

Partindo da situación límite de que se debe substituír as dúas actrices que fan os personaxes protagonistas, constrúese unha dramaturxia complexa, vertebrada a través da trama argumental da peza orixinal e entretecida con reflexións acerca do proceso de creación do propio Chéjov e das súas temáticas, desde un punto de vista actual: a situación das actrices dentro do teatro e das mulleres dentro da sociedade, o ocaso dunha época histórica e o xurdimento dun mundo novo e descoñecido, o amor, a creación...

Na medida en que tres actrices interpretan unha peza escrita orixinalmente para dez personaxes principais, o traballo de adaptación consistiu, en gran medida, en descartar materiais. A gaivota. Ensaio aberto é unha dramaturxia da decantación, da selección dos contidos necesarios para contar a historia coa limitación de elenco. O filtrado da palabra foi da man dunha procura de adaptación na forma escénica, que tamén supuxo descartes de elementos escenográficos. 

A obra é unha coprodución do Centro dramático galego, Crémilo, colectivo 84, Teatro San Martín de Buenos Aires, INAE, FIDAE e o Teatro del Galpón do Uruguai. A estrea da peza será no Salón Teatro, con funcións do 1 ao 4 de outubro de 2026.

 
Música & Escena