Ortiga e convidados | Día da Música 2022

Para celebrar o Día da Música, este mes de xuño queremos facervos bailar. E quen mellor que Ortiga, o responsable de renovar o espírito da verbena galega a golpe de autotune, guitarra e secuenciadores, para facernos menear o bullarengue. O músico compostelán actuará o día 24 de xuño ás 21 horas na Cidade da Cultura, nun concerto de balde no que presentará o seu segundo álbum «Sabes el camino que elegí» (Ernie Records, 2021).

Neste novo disco, Manuel González, «Chicho» –o artífice de Ortiga–  mantén a súa aposta por ligar os ritmos latinos cos sons da música urbana, na liña do cumbiatune, estilo persoal que creou dentro do dúo Esteban & Manuel e perfeccionou no seu debut en solitario «Chicho & sus Chichas» no 2019. Mais Ortiga non se detén na fórmula que o catapultou a percorrer España de festival en festival, senón que busca ampliar a súa paleta de ritmos, incorporando a salsa, o funk e incluso o pop nos seus temas, sempre coa vista posta en que non quede ninguén sen moverse no público.

O de non parar quieto é algo que tamén se pode aplicar á traxectoria deste músico, cantante e compositor compostelán. De aí os seus outros proxectos musicais, Los rastreadores (con Grande Amore) e Boyanka Kostova (con Cibran García) e as colaboracións con artistas como Rodrigo Cuevas («La magia de tu melena») ou este mesmo ano a revisión da canción popular «Eu chorar chorei», a dúo coa veterana da verbena galega, Pili Pampín. Precisamente Pili Pampín, Grande Amore, Boyanka Kostova e Conjunto Amistá acompañará no escenario a Ortiga para celebrar xuntos o Día da Música no Gaiás.

Ortiga trae neste segundo disco dez temas que falan do amor e do desamor, de encontros e amizades, en definitiva, do que pasa na vida de calquera. Esa proximidade recoñecible nas súas letras e a alma festeira que transmite encherán o andar -1 do Museo Centro Gaiás na noite do 24 de xuño para conmemorar o Día da Música, e tamén a modo de aperitivo dos concertos que a Cidade da Cultura programa para este verán de 2022. O acceso é libre ata completar a capacidade do recinto.