Con motivo da celebración do Día do Teatro, a Biblioteca de Galicia aproxímanos o vindeiro 26 de marzo a esta arte cunha obra perfecta para gozar en familia. Estamos a falar de A nena que vivía nunha caixa de mistos, representada pola compañía Caramuxo Teatro.
Inspirada no conto A vendedora de mistos de Andersen, Caramuxo actualiza este relato clásico, outorgándolle unha linguaxe contemporánea e unha coidada posta en escena. Nela nárrase o día a día dunha nena que, xunto á súa caixiña de mistos, percorre a cidade atopándose no seu camiño cunha chea de personaxes que compartirán con ela as súas andanzas. Deste xeito, esta emotiva historia aborda o tema da pobreza infantil cunha mensaxe de empoderamento de fondo.
A compañía
Caramuxo Teatro é unha compañía de teatro para público infantil e familiar integrada por Juan Rodríguez e Laura Sarasola. Poéticos e visuais, os seus espectáculos constrúense a partir de diferentes técnicas: teatro de actor, monicreques, danza... dando vida a producións con elevadas doses de emoción e aprendizaxe.


