Matinais Musicais | Outono 2022

Este mes de setembro regresan as Matinais Musicais á Cidade da Cultura. A programación de outono 2022 tráenos tres concertos de estilos diversos para gozar nas mañás dos domingos cos que viaxaremos de Xapón a Galicia, experimentaremos a calma a través da música e exploraremos novas sonoridades creadas por compositoras e compositores contemporáneos.

Comezamos o 25 de setembro con Aruku – Camiñar, un proxecto que trae a Galicia a Ryōko Aoki, artista internacional especializada no canto do teatro Noh que porá a súa voz a un repertorio deseñado especialmente para celebrar o irmandamento das rutas de peregrinación do Camiño de Santiago e o Shikoku Henro xaponés. A intérprete estará acompañada ao piano por David Durán e Haruna Takebe neste concerto impulsado pola asociación KYŌDŌ a través do programa "O teu Xacobeo" da Xunta de Galicia, coa colaboración da Fundación Japón e Yamaha.

No mes de outubro será Lucía Martínez Cuarteto quen poña banda sonora ás matinais con Calma e algo máis. A compositora e multi-instrumentista galega, que sobresae como unha das principais percusionistas de jazz do país, propón para a mañá do 23 de outubro un repertorio que convida a pechar os ollos, a respirar e contar ata dez poñendo o foco no momento presente.

As Matinais Musicais de outono 2022 rematan o 27 de novembro con Sobre a noite, título baixo o cal a agrupación Arxis Ensemble traza un percorrido en en cinco etapas para achegarnos á comprensión da música de vangarda. Cinco pezas nas que o son dos instrumentos parece conxelarse, facerse tanxible e visible, confundindo o ollo co oído.

 Matinais Musicais: Aruku-Camiñar  Matinais Musicais: Lucía Martínez Cuarteto  Matinais Musicais: Arxis Ensemble

25 SET | ARUKU - CAMIÑAR. Ryōko Aoki, David Durán e Haruna Takebe

Un concerto especial con dobre estrea para celebrar a irmandade do Camiño de Santiago e o Shikoku Henro. Coa voz da artista internacional de teatro Noh xaponés Ryōko Aoki.

Merca aquí a túa entrada 

23 OUT | CALMA E ALGO MÁIS. Lucía Martínez Cuarteto

Unha homenaxe ao momento que convida a pechar os ollos, a respirar paseniño e a contar ata dez. Jazz contemporáneo nacido da amizade e do amor pola música, que reivindica gozar desa calma que nos enche de luz.

Merca aquí a túa entrada

27 NOV | SOBRE A NOITE. Arxis Ensemble

Fascinante percorrido sonoro polos últimos 50 anos da música contemporánea en cinco pezas de Hosokawa, Scelsi, Saunders, Matamoro e Posadas nas que o son se volve tanxible como a carne e visible como as sombras.

Merca aquí a túa entrada

As entradas para cada concerto poden adquirirse en Ataquilla.com. Preme sobre cada unha das imaxes de arriba para acceder directamente á compra. Nos enlaces de abaixo, poderás consultar información ao detalle sobre cada concerto.

Descarga AQUÍ o programa de man das Matinais Musicais - Outono 2022

Matinais Musicais infantís - Corresponsables no Gaiás

Co obxectivo de favorecer a conciliación das nais e pais que asisten ás Matinais Musicais, a Cidade da Cultura promove unha serie de actividades lúdicas e didácticas, dirixidas a nenas e nenos de 5 a 10 anos de idade e de carácter gratuíto, nas que a cativada poderá coñecer, a través do xogo, diferentes aspectos relacionados coa música que se escoitará en cada un dos concertos do ciclo. Desta maneira, procúrase que as pequenas e pequenos coñezan outras músicas e tamén contribuír a que desenvolvan intereses culturais comúns coas súas familias. 

Máis información e reservas AQUÍ.