Matinais musicais infantís | Corresponsables no Gaiás | Outono 2022

Co obxectivo de favorecer a conciliación das nais e pais que asisten ás Matinais Musicais, a Cidade da Cultura promove unha serie de actividades lúdicas e didácticas, de carácter gratuíto, nas que a cativada poderá coñecer, a través do xogo, diferentes aspectos relacionados coa música que se escoitará en cada un dos concertos do ciclo. Desta maneira, procúrase que as pequenas e pequenos coñezan outras músicas e tamén contribuír a que desenvolvan intereses culturais comúns coas súas familias.

As Matinais Musicais infantís están dirixidas a nenas e nenos de 5 a 10 anos de idade e darán comezo ás 11:30 horas, finalizando 15 minutos despois do remate cada actuación.

A través de xogos de movemento, expresión vocal e obradoiros creativos e de manualidades, a cativada aprenderá a recoñecer os distintos instrumentos musicais, as melodías, as estruturas das composicións e as bases rítmicas que empregan, así como tamén aspectos das obras, as compositoras e compositores e a época na que se crearon.

É necesario retirar un convite, de balde, por cada nena/o que participará na actividade, de forma independente ao billete que dá acceso ao concerto. Podes reservar a túa praza para cada sesión AQUÍ.

Estas actividades encádranse no Plan Corresponsables posto en marcha pola Xunta para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica, a través do convenio asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Secretaría Xeral de Igualdade co financiamento do Ministerio de Igualdade.

 
En familia