Matinais Musicais | Arxis Ensemble

ARXIS Ensemble pecha o ciclo de outono 2022 das Matinais Musicais na Cidade da Cultura con Sobre a noite, unha proposta que traza un percorrido xeográfico e sonoro polos últimos 50 anos da música contemporánea.

As obras de Hosokawa (Xapón), Scelsi (Italia), Saunders (Reino Unido-Alemaña), Posadas (España) e do galego Miguel Matamoro son cinco formas de achegarse á comprensión da música de vangarda. En cada unha delas, o son dos instrumentos parece conxelarse, insinuar que hai corpos que vibran con eles, que o espazo se forma ao redor da vibración dos corpos.

A música como un espazo escuro que sustenta xestos, imaxes, retratos. Un son que se volve tanxible como a carne e visible como as sombras. Cinco grandes lenzos que confunden o ollo co oído.

O concerto será no aditorio do Edificio Fontán o domingo 27 de novembro ás 12 horas. As entradas poden adquirirse en Ataquilla a un prezo de 5 € (+gastos de xestión).

*Fotografía: Hugo Gómez Chao

Programa

  • SEN V (1991-1992) | Toshio Hosokawa
  • Riti, i funerali di Carlo Magno (1976) | Giacinto Scelsi
  • Bass Drum (2017-2018) | Rebecca Saunders
  • Lied ohne Wörte (2015) | Miguel Matamoro*
  • Versa est in luctum (2002) | Alberto Posadas

*Estrea en Galicia

Intérpretes

  • Iñigo Setuaín – Saxofón
  • Anna Grenzner – Violoncello
  • Nikola Tanaskovic – Acordeón
  • Noè Rodrigo – Percusión
  • Sergio Sande – Electrónica
  • Aitor Vázquez – Dirección

 

ARXIS Ensemble é unha formación de música contemporánea que nace co obxectivo de ser un punto de encontro entre intérpretes, creadores e público. Centra a súa actividade no traballo man a man con compositoras e compositores do noso tempo, ademais de desenvolver intercambios nacionais e internacionais para situar a Galicia como uno focos da arte de vangarda. A través de concertos, conferencias e obradoiros, así como da creación e a participación en proxectos multidisciplinarios, ARXIS Ensemble  reformula continuamente o papel do músico hoxe en día, a súa vinculación coa escoita e a procura de innovación na arte sonora. 

Descarga AQUÍ o programa de man das Matinais Musicais - Outono 2022

Matinais Musicais infantís

Co obxectivo de favorecer a conciliación das nais e pais que asisten ás Matinais Musicais, a Cidade da Cultura promove unha serie de actividades lúdicas e didácticas, de carácter gratuíto, nas que a cativada poderá coñecer, a través do xogo, diferentes aspectos relacionados coa música que se escoitará en cada un dos concertos do ciclo. Desta maneira, procúrase que as pequenas e pequenos coñezan outras músicas e tamén contribuír a que desenvolvan intereses culturais comúns coas súas familias. 

As Matinais Musicais infantís está dirixidas a nenas e nenos de 5 a 10 anos de idade e darán comezo ás 11:30 horas, finalizando 15 minutos despois de que remate cada actuación.

Máis información e reserva de praza AQUÍ.