Letras Galegas no Gaiás 2023 | Francisco Fernández del Riego

A Cidade da Cultura súmase un ano máis á celebración do Día das Letras Galegas, que neste 2023 homenaxea a Francisco Fernández del Riego, e faino con varias propostas encamiñadas á participación de todo tipo de público. Baixo a premisa de achegarnos á figura do autor, o programa inclúe diferentes iniciativas que terán lugar en distintos espazos do Gaiás, algunha delas xa un clásico, como é a lectura participativa de textos do escritor. Tamén se completementa cun obradoiro e unha peza teatral para a cativada. 

RELECTURAS


 

OBRADOIRO -  "Letras e Lugares comezan con L" | Sábado, 13 maio | 17.00H

Entradas (3€) en Ataquilla. PREME AQUÍ

Explora, descubre, imaxina! Vivide unha aventura en familia para festexar as nosas Letras. Metade explorador@s, metade artist@s, imos percorrer o bosque, xardíns e espazos verdes do Gaiás nunha expedición para atopar —mapa e lupa en man— misteriosos obxectos cos que construír unha historia xuntos e fabricar o Caderno de Bitácora da vosa familia.

Unha actividade pensada para gozar da natureza, estimular a imaxinación e celebrar a nosa lingua propia. Debuxos, bosquexos, colaxe... a vosa creatividade non ten límites! Inspirada na obra A pegada das viaxes de Fernández del Riego, neste obradoiro ímonos somerxer nunha viaxe en familia na que mesturaremos lembranzas e novas historias que quedarán capturadas nun caderno de bitácora elaborado con distintas técnicas artísticas.

Actividade en formato participativo, para cativada a partir de 3 anos, que deberá estar acompañada por unha persoa adulta. En familia elaborararán o seu Caderno de Bitácora segundo as indicacións do monitorado da actividade. Cada unha das persoas (menor e adulta) precisa unha entrada individual. 

TEATRO - "A viaxe feliz de Ramón Sanfiz" | Sábado, 13 maio | 18.00H

De balde, previa inscrición na web. PREME AQUÍ

Ramón Sanfiz, aventureiro e percusionista dunha orquestra de baile da mariña, disponse a percorrer un novo itinerario co seu triciclo. No encontro co público cóntalle a viaxe que realizou desde a súa vila natal ata San Andrés de Teixido, engarzando as diferentes historias que aprendeu dos habitantes que se foi atopando polo camiño. Para a narración apoiarase en diferentes técnicas do teatro de rúa: a música, os monicreques, os romances de cego, o limberjack e o Kamishibai.

E ADEMAIS...

Encontro entre centros escolares (12 maio). Neste encontro participan os Escolapios de Monforte de Lemos, onde Fernández del Riego estudou o bacharelato, e o colexio Labor de Vigo, onde impartiu clase. Ambos os dous grupos escolares escollerán unhas lecturas, intercambiaranas antes do encontro e lerán e compartirán perspectivas o día da reunión, no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia. A moderadora/animadora será a poeta e editora viguesa Vanessa Glemsel.

Relecturas (13 maio).Con textos escollidos por Malores Villanueva, todas as persoas que visiten o Museo Centro Gaiás durante a xornada do sábado 13 de maio están convidadas a ler fronte a unha cámara unhas lecturas de Fernández del Riego, creando así unha lectura compartida que se recollerá nun vídeo para emitir o propio Día das Letras Galegas, o 17 de maio, nas redes sociais da Cidade da Cultura.

Exposición bibliográfica na Biblioteca de Galicia. A Biblioteca de Galicia amosa no seu vestíbulo, nunha mostra que poderá visitarse dende o 11 de maio ata setembro, os seus fondos propios relacionados con Fernández del Riego.