«Esfollarse» con Edu Valiña e Mondra | Diálogos ao redor da arte en ‘As estacións do ano’

Este venres 19 de xuño ás 18 horas o artista Edu Valiña e o músico Mondra convídanvos a afondar na instalación Esfollarse, a peza que crearon en común para a exposición As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI

Neste diálogo aberto co público, conversarán sobre o proceso creativo dunha obra que xoga no visual e no sonoro co imaxinario ao redor do millo e a súa importancia na cultura galega. A comisaria da mostra, Mónica Alonso será a encargada de presentar e conducir este encontro, que terá lugar na propia sala do Museo Centro Gaiás. Para asistir é necesario reservar praza, de maneira gratuíta, na columna dereita da web.

A instalación Esfollarse dá continuidade a un proxecto iniciado por Edu Valiña no ano 2000 coa folla do millo como protagonista. Con ela teceu prendas de uso tradicional feminino que articulan vínculos entre o visual e o emocional co produtivo, explorando a relación entre arte, territorio e memoria viva.

O músico Mondra, un dos nomes máis destacados dentro da escena actual do país, engade a capa sonora que amplía a experiencia da instalación.Camiñar polas follas secas amoreadas no chan do Museo activa un espazo sonoro que non só remexe nos cancioneiros tradicionais, senón que a propia pisada intervén tamén nel.

Gaiás inspira

Esta actividade encádrase na liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes accións divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.

 
Letras & Pensamento
 
Set - Nov 2026
Convocatoria pechada
1 — 4 Set 2026
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 21 MAI