A novena edición do festival de teatro, danza e arte en acción Escenas do cambio, que dirixe Lola Corea, pon o foco na realidade e nas transformacións sociais do noso presente máis inmediato. Impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, Escenas do cambio trae do 4 ao 6 de maio unha decena de propostas de vangarda nas que a danza, o teatro, a performance, a música e a poesía conectan á audiencia coas reivindicacións dos dereitos das persoas migrantes e desprazadas, do colectivo queer ou dos estratos máis vulnerables da sociedade.
Entre elas, o canto ao amor infinito e insurrecto de One night at the golden bar (Alberto Cortés), os afectos e os coidados sobre os que construír un futuro mellor (Afectos, de Kirenia Danza, Fráxil: Handle with care, de Matarile) ou o cuestionamento da xestión mercantil privada da morte en Aquellas que no deben morir (Las Huecas), espectáculo gañador do premio Apuntador 2021 e premio Novaveu da Crítica.
O programa inclúe 5 obras orixinais que terán a súa estrea absoluta no festival: Poco (o alguien dirá que nos equivocamos), de Roberto García de Mesa, o concerto debut da agrupación SONS-NÚS/CatroNubes e Poescénicas, e as últimas producións de Kirenia Danza e Matarile.
O talento galego é outro dos puntos destacados desta novena edición de Escenas do cambio, cun total de nove artistas e compañías do país. A Kirenia Danza, Matarile e SONS-NÚS/CatroNubes súmanse as poetas Yolanda Castaño, Silvia Penas, Xiana Arias, Nuria Vil e Nieves Neira, así como o artista multidisciplinar Matías Daporta, que presenta por primeira vez en Galicia Washington, unha performance orixinal na que busca á protagonista da película, xamais realizada, coa que Lars Von Trier debería pechar súa triloxía dos Estados Unidos como “terra de oportunidades”.
Escenas do cambio 2023 volve rachar cos límites do escenario con Aquí mentres camiñamos, do brasileiro Gustavo Ciríaco, unha performance que busca redescubrir as rúas de Santiago de Compostela nun paseo compartido que só é revelado a quen o percorre; e tamén Poescénicas, unha ruta marcada, en feminino, por cinco voces destacadas da poesía galega actual, acompañadas da música e da imaxe por diferentes espazos da Biblioteca de Galicia e o Xardín Literario do Gaiás. Ademais, o Centro Galego de Arte Contemporánea convértese en espazo escénico para a performance Háblame, cuerpo, de Nazario Díaz.
Un encontro interxeracional entre profesionais, xestores culturais e artistas completa a proposta de Escenas do cambio para este ano 2023. Con el, o festival procura xerar novos espazos para conversar sobre os cambios fundamentais teñen vivido nas últimas décadas as artes escénicas, ou a influencia do contexto social na creación, revisión e programación das obras, entre outros temas.
Fai clic na imaxe para acceder á programación do festival:
Roberto García de Mesa | Gustavo Ciríaco | Kirenia Danza | Matías Daporta | Alberto Cortés | Matarile | Yolanda Castaño | Silvia Penas | Xiana Arias | Nuria Vil | Nieves Neira | Nazario Díaz | Las Huecas | Sons-Nús/CatroNubes
