Con motivo do Día Internacional dos Museos, que este ano se celebra baixo o lema Museos unindo un mundo dividido, o Gaiás acolle unha función de danza no marco da exposición Mundo expandido. Entre o físico e o virtual, interpretada pola bailarina, coreógrafa e docente Clara Ferrao.
Baixo o título Corpos celestes, a peza constrúe unha linguaxe escénica que dialoga coas temáticas desta mostra, que afonda nos efectos da explosión dos mundos virtuais nas nosas vidas e reflexiona sobre cuestións como a globalización, a hipervixilancia, a desigualdade, as identidades dixitais, ou a omnipresenza da pantalla no noso día a día.
Clara Ferrao
Intérprete, docente e creadora de danza contemporánea. Compaxina a súa traxectoria profesional como bailarina co ensino; impartindo clases regulares, obradoiros e jams en diferentes centros e festivais.
Formada en danza clásica na Escola Hannelore e Deborah, Vigo, é titulada en danza contemporánea polo Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma, Madrid e máster en «Danza e Artes do Movemento» na UCAMurcia. Como bailarina, cabe destacar a súa participación na peza Garage da compañía de teatro Voadora; e no musical Galicia Caníbal coreografado por Mónica García e Janet Novás. Tamén traballa de forma colectiva como coreógrafa e bailarina colaborando ata o momento con distintas compañías, como Maximiliano Sanford, Nuria Sotelo, Can Cun Quinqué, La Intrusa, etc.
Gaiás inspira
Este espectáculo encádrase na liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes accións divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.

Consello Internacional de Museos, ICOM
O Día Internacional dos Museos (DIM) é unha iniciativa do Consello Internacional de Museos, ICOM, para concienciar sobre o feito de que os museos son un importante medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos. Organizado cada 18 de maio desde hai máis de 40 anos, cada vez son máis os museos por todo o mundo que participan nesta celebración mundial organizando diferentes eventos e actividades especiais nesta semana sinalada.
Cada ano desde 2020, o Día Internacional dos Museos apoia un conxunto dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. En 2026, esta celebración alíñase co ODS10, que procura a redución das desigualdades; o ODS16, que promove sociedades xustas, pacíficas e inclusivas; e o ODS17, enfocado na alianza mundial para un desenvolvemento sostible.

