DescArtes. Escenas que pensan, escenas que existen | REGA 2026

DescArtes é unha nova liña de residencias, incluídas no Programa de Residencias Artísticas do Gaiás, que desenvolven conxuntamente o Centro Dramático Galego e a Fundación Cidade da Cultura. A iniciativa busca apoiar o talento emerxente, conectar o global co local poñendo en contacto artistas do país con estruturas, festivais e creadores de fóra e integrar o público no proceso de creación das producións teatrais galegas

A principal novidade das residencias DescArtes reside en que as artistas compartirán co público materiais escénicos de cada obra que, mesmo tendo valor artístico, non van formar parte da montaxe final do espectáculo. Estes encontros permitirán coñecer de que forma se seleccionan os materiais dunha proposta artística e os motivos polos que unha escena, un texto ou un elemento escenográfico son descartados. En cada un dos encontros abrirase a conversa coas persoas presentes no público para que estas poidan dar o seu punto de vista sobre os materiais. Este proceso participativo quedará rexistrado nunha sorte de “libro de descartes”. A entrada é libre ata completar a capacidade.

  • Black Box. Unha saga épica, con Hugo Torres | Venres 27 de marzo ás 19 h | Espazo REGA 1
  • Dolce Far Niente, co colectivo Desattada | Sábado 28 de marzo ás 12 h | Espazo REGA 4
  • ÑiquiÑaque, con Espectáculos Valente | Sábado 11 de abril ás 12 h | Soportais do CEM

O programa apoia nesta primeira edición dous proxectos ligados ao talento novo do certame Xuventude CREA, e unha coprodución internacional galego-portuguesa que aposta por ampliar as linguaxes da escena contemporánea.

Mostras de 'DescArtes'

Hugo Torres— Black Box. Unha saga épica, con Hugo Torres | Venres 27 de marzo ás 19 h | Espazo REGA 1

O recoñecido actor, músico e director artístico Hugo Torres (ex-Voadora) convida ao público a un encontro no que compartirá o proceso creativo da súa próxima estrea no festival Escenas do cambio. Black Box. Unha saga épica é unha obra internacional que fala sobre a identidade na que Hugo Torres indaga na súa linaxe para recuperar as pegadas na historia de figuras anónimas. Co-producen a compañía portuguesa Trigo Limpo, o FITEI do Porto e o Centro Dramático Galego.

Dolce Far Niente— Dolce Far Niente, co colectivo Desattada | Sábado 28 de marzo ás 12 h | Espazo REGA 4

O sábado 28 de marzo chega a quenda do colectivo Desattada que nunha conferencia escénica falará dos descartes da súa ópera prima, Dolce far niente. A obra reflexiona sobre a precariedade laboral, a identidade e a posibilidade de manter o compromiso persoal nunha sociedade cambiante, inspirándose na experiencia persoal nunha cadea de comida rápida. O texto gañou o primeiro premio da modalidade Teatro PRO no Xuventude CREA 2025. 

— ÑiquiÑaque, con Espectáculos Valente | Sábado 11 de abril ás 12 h | Soportais do CEM

O grupo Espectáculos Valente, novo colectivo saído da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, presentará en abril os descartes de ÑiquiÑaque, obra que adapta ao teatro de rúa o texto escrito por Cándido Pazó. A comedia protagonízana dous cómicos ambulantes a punto de disolver a compañía que reciben o encargo dun Gran Duque para facer unha nova versión de Romeo e Xulieta, á que dan forma mentres viaxan nun motocarro avariado.

 
Música & Escena
 
7 - 10 Mai 2026
Convocatoria pechada
Prazo de solicitudes ata 8 de marzo