Pódese vivir dentro dunha nube? Nesta proposta para miniarquitectos e miniarquitectas aprenderemos a construír con aire!

Os obradoiros de arquitectura inchable de Nuria Prieto propoñen unha experiencia familiar na que o espazo se converte en materia viva para explorar. A través de estruturas lixeiras, volumes de aire e formas que se transforman co movemento, descubriremos como a arquitectura pode ser un xogo compartido no que imaxinar, construír e habitar se volven accións espontáneas.
Un encontro que fomenta a creatividade, a experimentación e a colaboración interxeracional, permitindo que pequenos e maiores comprendan, de maneira intuitiva e divertida, conceptos básicos de equilibrio, escala, resistencia ou forma. Un espazo para sorprenderse e crear xuntos, onde o aire é o material principal e a imaxinación marca o límite.
Nuria Prieto
Nuria Prieto (Ponferrada, 1985), arquitecta e doutora pola Universidade da Coruña, especializada en arquitectura, rehabilitación e deseño expositivo. A súa traxectoria combina a práctica profesional coa investigación e a divulgación arquitectónica. Participou en proxectos recoñecidos internacionalmente, como o pavillón español Unfinished na Bienal de Venecia —gañador do León de Ouro— e o proxecto de investigación Gaza: A house for 1.5m in-habitants, xunto ao arquitecto Michael Sorkin. Na actualidade desenvolve o seu traballo entre a docencia, a edición —como parte do equipo da revista Tectónica— e a creación de arquitecturas efémeras e experimentais, explorando o potencial pedagóxico e urbano das estruturas inchables.









