No marco das actividades programadas ao redor do contido da exposición Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño, que pode visitarse na Cidade da Cultura ata o 28 de agosto, chega unha proposta musical vencellada á temática da mostra, o surrealismo. Miniaturas de Granell é un concerto centrado na figura do autor surrealista máis sobranceiro de Galicia, Eugenio Granell.
Sorprendente? Efectivamente, a súa dimensión como músico é a súa faceta menos coñecida, pero foi investigada hai anos, no 2012, nun proxecto apoiado pola Cidade da Cultura, que baixo o título "Miniaturas de Granell. Música Revelada" afondou nas máis de duascentas anotacións musicais que o autor deixou escritas e que se conservan no arquivo da Fundación Granell.
Como resultado dese proxecto editouse un libro-disco. Agora temos a oportunidade de recuperar esa investigación, dirixida por Ramon Pinheiro, e escoitar de novo esa música de Granell no Gaiás grazas á interpretación de Alejandro Vargas (teclado), Mónica de Nut (voz) José Manuel Díaz (contrabaixo), LAR Legido (batería) e María José Pámpano (viola).
Eugenio Granell
Coñecido universalmente pola súa obra plástica e polos seus traballos como escritor, cineasta e dramaturgo, Granell compuxo melodías nas que se recoñece a inspiración das formas populares da música galega, ademais de ideas propias do seu universo creativo.
Con este concerto poderemos entender esa outra dimensión creativa de Granell, a da linguaxe musical.
![]() |
| ESCOITA AQUÍ |



