LaMontagne & PicoAmperio presentan sons futuristas e tecnolóxicos que traen a tradición de volta ao presente a través de bases de trip hop, moito flow e tintes de contracultura, actualizando con electrónica a lírica galego-portuguesa. Alí onde se fusionen a vangarda e a tradición atlántica estará sempre o punto de encontro deste dúo.
A Biblioteca de Galicia programa este concerto por mor da celebración do Día das Artes que este ano se dedica a Martín Códax.
Conseguindo coa voz de LaMontagne e os loops de PicoAmperio que a xente se teletransporte a un universo híbrido, único, hipnótico e absolutamente magnético, a banda presenta no seu primeiro disco, “Algo que sinalar”, unha aventura libre de ataduras. A xeito de matrioska, o público atopará nel cancións con moitas capas que se abrirán ante os seus ollos. Son rebeldes na estrutura pero cunha parte intimista, tintes de dozura e alegría, moita enerxía e tamén un pouco de melancolía.
Temas como a búsqueda da identidade (“Eu vexo”), a celebración do comezo dunha nova aventura (“Avelaneiras Frolidash”), a importancia do aprendido polo camiño antes de chegar a un obxectivo final (“Por que no mundo”), a tristeza infinita (“Ondas do mar de Vigo”), ou o agradecemento á vida (“40TENA”) son algunhas das sensacións a experimentar neste primeiro traballo da banda, formado por oito cancións compostas e producidas por LaMontagne & PicoAmperio.
