Comando dramatúrxico | Escenas do cambio 2024

Se che interesan a danza, o teatro e as artes vivas e queres vivir unha experiencia única, enrólate no Comando Dramatúrxico de Escenas do cambio! Procuramos 6 persoas, con coñecementos e competencias relacionadas coas artes escénicas, para formar parte dun grupo de traballo que acompañará todos os espectáculos e actividades da 10ª edición do festival, do venres 3 ao domingo 5 de maio de 2024.

Dirixido polo dramaturgo, director de escena, profesor e escritor Afonso Becerra, o Comando Dramatúrxico terá a encomenda de organizar e realizar actividades transversais á programación do festival, tales como laboratorios de análise das propostas artísticas, elaboración de materiais documentais, realización de actividades de mediación co público, conversas antes e despois dos espectáculos, etc.

O obxectivo é acompañar as actividades e espectáculos do festival para estudalas desde diferentes perspectivas (artística, sociolóxica, ecolóxica, técnica, dramatúrxica, etc.) e analizar, á vez, os efectos e os afectos de cada unha delas no público, abrindo espazos de pensamento e debate. Unha oportunidade para infiltrarse no corazón de Escenas do cambio.

Condicións e requisitos para participar:

  • Ser maior de idade.
  • Ter competencias e facilidade para expresarse en público, para escribir en lingua galega e para traballar en equipo.
  • Ter coñecementos e competencias relacionadas coas artes escénicas e a comunicación.
  • Ter dispoñibilidade para acudir ao festival os días 3, 4 e 5 de maio de 2024.
  • Valorarase a participación de persoas de diferentes orixes, xéneros, idades, etc., garantindo o carácter inclusivo e diverso da actividade, así como a igualdade de oportunidades na selección de participantes.
  • Enviar Currículum Vitae dun máximo dunha páxina e unha carta de motivación que non pode superar os 1.000 caracteres, a escenasdocambio.cdc@xunta.gal antes do 17 de marzo ás 23:59 horas.

Sendo parte do Comando Dramatúrxico terás:

  • Acceso gratuíto a todos os espectáculos e actividades do festival Escenas do cambio 2024.
  • Unha experiencia de aprendizaxe relacionada coa crítica, a comunicación, a mediación e análise no eido das artes escénicas e no marco do festival.
  • Unha certificación expedida pola organización correspondente á túa participación.
  • Xantares e ceas cubertas pola organización durante o festival.

Resolución e procedemento:

  • A selección das persoas participantes no Comando Dramatúrxico será realizada pola directora do festival Escenas do cambio 2024, Kirenia Martínez e polo responsable da actividade, Afonso Becerra.
  • As persoas participantes seleccionadas serán informadas a través do correo electrónico que faciliten na solicitude do resultado da mesma, o día 1 de abril de 2024. Deberán confirmar a súa participación antes do día 4 de abril, do contrario procederase a informar ás suplentes na orde de prelación considerada no proceso de valoración.
  • Unha vez constituída e confirmada a relación de participantes, o responsable do Comando Dramatúrxico contactará vía correo electrónico para comunicar as indicacións previas á constitución do grupo.
  • O responsable do Comando Dramatúrxico comprométese a facer un seguimento de todo o proceso e do traballo resultante.
  • As persoas seleccionadas para o Comando Dramatúrxico aceptan a realizar a captación e difusión de imaxes, fotografías, vídeos, vídeos con voz e material gráfico. A publicación das imaxes poderá realizarse a través de diferentes canles ou medios de difusión das actividades da Fundación, tales como a páxina web corporativa en https://www.cidadedacultura.gal, así como nas redes sociais  vinculadas a esta, documentos ou memorias de actividades, trípticos, carteis ou montaxes multimedia de promoción de actividades. As imaxes serán conservadas durante o tempo necesario para a consecución das finalidades indicadas ou no seu caso, en tanto as persoas interesadas non retiren o consentimento outorgado.
  • O tratamento de datos de carácter persoal que se poida realizar se fará con absoluto respecto das normas de seguridade, de acordo co establecido no Regulamente 2016/679 (UE) xeral de protección de datos persoais, e na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais.
  • A participación no Comando Dramatúrxico supón a aceptación total destas bases. A organización resérvase o dereito de resolver, da forma que considere oportuna, calquera situación non prevista nas mesmas.