A catro pés | Obradoiros para medrar, xogar e camiñar en familia

Precisamos dos pés para andar? Que pegadas deixamos nós no camiño e cales deixa o camiño en nós? A partir do concepto do camiño e da viaxe, e co propio Camiño de Santiago como eixo transversal, o ciclo A catro pés propón catro obradoiros -diferentes pero conectados- para gozar do tempo compartido en familia experimentando, creando, xogando e, en definitiva, medrando xuntas tanto a cativada coma as persoas adultas.

Os pés, a paisaxe, as lembranzas e as pegadas serán os catro aspectos que se tratarán en cada un destes obradoiros familiares que se desenvolverán no Gaiás nas tardes das fins de semana do 16 ao 30 outubro. Consulta a continuación o programa e merca a túa entrada:

Chiscando un ollo | 16 Out | 17 h | ENTRADAS ESGOTADAS

Onde comezan unhas formas e rematan as outras? É posible debuxar sen facer un trazo? Podo, se quero, converterme nunha árbore ou nunha montaña? Un convite a percorrer, cámara de fotos na man, a contorna da Cidade da Cultura para descubrir e xogar con todo o que atopamos na beira do camiño.

OLLO!:

  • Cada entrada dará acceso a un grupo familiar de máximo 5 persoas.
  • Recomendamos traer roupa cómoda, de abrigo e apta para a choiva, pois o obradoiro vaise desenvolver fundamentalmente no exterior. Trasladaríase a espazo cuberto en caso de condicións meteorolóxicas moi adversas.
  • Non é preciso traer cámara fotográfica.

Un pé diante do outro | 17 Out | 17 h | ENTRADAS ESGOTADAS

Un camiño é como unha liña, unha sucesión de puntos no espazo, e para percorrelo hai que poñer un pé diante do outro. Mais… sempre son necesarios os pés para desprazarse? A partir dos álbumes ilustrados Manual del buen paseante, de Ramón Juventeny e Dos caminos, de Guridi, e de artistas contemporáneas como Esther Ferrer e Mona Hatoum xogaremos coas liñas, cos pés e cos camiños para investigar posibilidades.

OLLO!:

  • Cada entrada dará acceso a un grupo familiar de máximo 4 persoas.
  • Recomendamos traer roupa cómoda.
  • Escolle os teus calcetíns máis rechamantes e bonitos! Pode darse o caso de ter que sacar os zapatos.

No peto ou na mochila | 23 Out | 17 h | ENTRADAS ESGOTADAS

As historias xacen agochadas detrás dunha esquina, nas voces ou na auga do río. Ás veces son inventadas e contan aventuras fantásticas e ás veces lémbrannos todo aquilo que deixamos atrás. Neste obradoiro xogamos e experimentamos entre o soporte de caderno de campo e o fanzine para capturar pequenos relatos.

OLLO!:

  • Cada entrada dará acceso a un grupo familiar de máximo 4 persoas.
  • Malia que todo o material empregado será lavable, mellor traer roupa que poida mancharse.
  • Non é necesario que todas as persoas saiban e poidan ler e escribir, mais será importante que parte do grupo sexa quen de facelo.
  • Cada grupo deberá achegar un obxecto (de tamaño pequeno ou mediano) cun significado ou lembranza especial: desde unha bufanda a unha culler, todo vale!

Pegadas | 30 out | 17 h | ENTRADAS ESGOTADAS

O rastro como elemento físico e sinal de que algo pasou por aquí antes ca nós, ou como resultado do paso do tempo e das vivencias, achéganos ao concepto de camiño e patrimonio. Nesta xornada experimentaremos de forma lúdica cos materiais, os sons ou o propio corpo para tocar, afundir, enterrar, pintar e ver que pegadas podemos producir.

OLLO!:

  • Cada entrada dará acceso a un grupo familiar de máximo 5 persoas.
  • Malia que todo o material empregado será lavable, mellor traer roupa que poida mancharse.
  • Se algunha persoa participante ten algunha alerxia ou intolerancia severa, prégase notificalo a través do correo actividades@cidadedacultura.org para telo en conta nos materiais a empregar.