Rianxo, 1886 – Bos Aires, 1950
Debuxante, humorista gráfico, teórico da arte, escritor e político, Castelao é o referente indiscutible da cultura galega do século XX.
O seu labor foi decisivo na conformación da arte, da narrativa e do rexurdir de Galicia mediante a acción política nacionalista. Colaborou coa xeración de 1916 nese florecemento da lingua e da cultura galega. Foi membro do Seminario de Estudios Galegos, patrón do Museo de Pontevedra, fundador do Partido Galeguista e membro da Real Academia Galega.
Dende o exilio defendeu o Estatuto de Autonomía para Galicia e os dereitos do noso pobo mediante o Consello de Galiza. Nese labor intelectual destaca o seu ensaio político Sempre en Galiza.
Programa
12:00 | Relatorio: Miguel Anxo Seixas Seoane
Licenciado en historia da arte contemporánea pola USC, actualmente é vicepresidente segundo da Fundación Castelao.
13:00 | Cousas da Vida (35')
Espectáculo de transparencias e sombras realizado por Títeres Cachirulo e inspirado nas personaxes das viñetas de Castelao. Narra a aventura de dous rapaciños que deciden visitar o estaleiro onde se está a construír un barco para emigrar ás Américas.
13:35 | Alba de Gloria
Recitado do célebre discurso de Castelao a cargo de Xurxo Souto, escritor, xornalista e músico bravú.
Presenta | Alfonso Paz Andrade, vicepresidente da Fundación Castelao.