Carta de Santiago | Diálogos para unha sociedade de futuro

Evento público pioneiro no marco do Xacobeo 21-22, o encontro internacional Carta de Santiago nace con vocación de impulsar a reflexión e o debate e dar voz á comunidade global nun momento de profundos cambios de valores trala crise epidemiolóxica. Este espazo abrirase á participación de figuras relevantes en distintos ámbitos da cultura e a sociedade, persoeiros de prestixio internacional, recoñecidos polo seu labor en distintas disciplinas, que debaterán sobre o modelo de sociedade que está por vir, e sobre como queremos participar del, desde a positividade, a integración e a sustentabilidade. Complementarase ademais con propostas artísticas de creadoras e creadores.

O encontro promove a reflexión e o debate sobre a sustentabilidade, entendida arredor de catro áreas: economía, medio ambiente, ciencia e cidadanía, dentro dunha matriz conceptual sistémica e ecosocial, integradora das singularidades, e con perspectiva de xénero. Nestas catro grandes áreas artellaranse 21 temáticas de reflexión, que inclúen temas como clima, océanos, territorios e transición enerxética no eido medio ambiental; xenética, neurociencia, intelixencia artificial, saúde ou utopías e distopías no eido científico; economía rexenerativa e do ben común, modelo de mercado, dixitalización e emprendemento no eido económico; e educación, desigualdades, identidade, fronteiras, arte, pensamento e participación cidadá no eido político-social.

Deste foro de debate xurdirá a publicación Carta de Santiago, un documento no que se recollan as reflexións xeradas no encontro e tamén textos que complementen as conversas e debates ao vivo.

O encontro está organizado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Paideia Galiza, declarada de Interese Galego, que ten como misión promover a igualdade de oportunidades e favorecer o desenvolvemento persoal e social mediante a creación de propostas e proxectos innovadores e sostibles. Actualmente, a actividade da Fundación Paideia Galiza estrutúrase en 5 eixes de traballo: discapacidade e emprego; mocidade e mobilidade; emprendemento; desenvolvemento territorial; e formación e divulgación. A través deste último, conforma un espazo aberto á cidadanía para a promoción do coñecemento crítico.

Comité de co-creación

Para a selección de persoeiros nacionais e internacionais convidados a este foro, impúlsase un Grupo de Co-creación de galegas/os destacados pola súa relevancia en diversos campos de coñecemento e acción, encargados de conformar un programa de contidos e relatores/as. O comité de co-creación está formado por:

AMPARO ALONSO. Licenciada en Química. Doutora en Física. Catedrática da Universidade da Coruña e investigadora do CITIC (Centro de Investigación TIC). Presidenta da Asociación Española para la Inteligencia Artificial (AEPIA).

PEDRO CALAZA. Doutor Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutor Arquitecto da Paisaxe pola Universidade de Lisboa. Director da Escola Galega da Paisaxe.

LUZ CASAL. Cantante e compositora. Premio Nacional de Músicas Actuales do Ministerio de Educación y Cultura en 2013.

MÓNICA FERNÁNDEZ-ACEYTUNO. Licenciada en Ciencias Biolóxicas pola Universidad Complutense de Madrid. Divulgadora de Natureza e Premio Nacional de Medio Ambiente “Félix Rodríguez de la Fuente de Conservación de la Naturaleza” en 2003.

CRISTINA FERNÁNDEZ-ARMESTO. Empresaria. Socia da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda. Premio Empresarias de Galicia 2019.

ANA FREIRE. Doutora en Ciencias da Computación. Investigadora e docente na Universitat Pompeu Fabra en Barcelona. Premio Fundación Real Academia de Ciencias al Joven Talento Científico Femenino. Fundadora do Concurso Internacional Wisibilízalas.

CÉSAR DE LA FUENTE. Investigador en biotecnoloxía. Recoñecido polo MIT como un dos científicos innovadores menores de 35 a seguir.

FRANCISCO LEIRO. Pintor e escultor. Premio Nacional de Artes Visuales en 2008.

ISABEL LÓPEZ-CHAMORRO. Empresaria. Agricultora ecolóxica. Promove a primeira comunidade de vivenda compartida interxeracional de Galicia.

SANDRA ORTEGA. Licenciada en Psicoloxía. Presidenta da Fundación Paideia Galiza.

MARGA PAZOS. Xornalista e presentadora de televisión. Premio Mestre Mateo 2014 á mellor comunicadora de televisión.

ROMÁN RODRÍGUEZ. Licenciado en Xeografía e Historia. Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.

MARISOL SOENGAS. Xefa do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas e Vicepresidenta da Asociación Española de Investigación sobre el Cáncer. “Medalla Fritz Anders” á Investigación en Cancro de Pel.

DOMINGO VILLAR. Escritor.