Camiños de músicas | 'Rumbo ao Divertimento' co Cuarteto Alicerce e Alfredo Pérez

Camiños de Músicas

Os vieiros e rutas que conducen a Santiago trouxeron ao longo dos séculos, alén de milleiros de viaxantes, novas, costumes e ecos de moi diversos lugares. Percorréndoos cos oídos ben abertos podemos descubrir as conexións que imbrican a nosa musicalidade no relato sonoro de Europa e que nos unen a outros pobos e harmonías afastados no tempo e no espazo.

Velaí a proposta do ciclo Camiños de Músicasun percorrido polas influencias sonoras do Camiño que promete embarcar o público familiar nunha peregrinación didáctica polo patrimonio musical. 

Rumbo ao Divertimento

A segunda parada neste itinerario didáctico farémola na compaña do cuarteto Alicerce e do artista e clown Alfredo Pérez para descubrir os sempre novos e sorprendentes camiños que nos conducen a Wolfgang Amadeus Mozart. 

Rumbo ao Divertimento trata de achegarse ao público familiar desde a música clásica, o humor e a creatividade para nos adentrar na senda da cultura e das artes coma vías cara á diversión e o lecer de calidade, como viaxes en familia cara o enriquecemento persoal. 

Cuarteto AlicerceCuarteto Alicerce

Jorge Montes (violín), Roberto Santamarina (violín), María José Pámpano (viola) e Carlos García Amigo (cello), conforman o Cuarteto Alicerce.  Este ensemble galego fai gala no seu nome da solidez da amizade xestada entre os seus integrantes a través dos anos e articulada en diversos proxectos musicais que tecen arredor das que son tamén as súas premisas basilares respecto ao repertorio e interpretación: música para cuarteto dos períodos clásico e primeiro romanticismo europeos interpretada con instrumentos encordados en tripa.

Alfredo Pérez

Alfredo PérezAlfredo Pérez é sinónimo de teatro xestual, danza e acrobacia; é espontaneidade, sorpresa e
diversión; entusiasmo, tenrura e enxeño. Unha personaxe de múltiples recursos que combina diferentes disciplinas tuteladas por un marcado rexistro clownesco que conducirá o público nunha viaxe polas emocións, o xogo e a improvisación.

 

 
En familia