A biblioteca social | 3ª Xornada de bibliotecas públicas de Galicia

A III Xornada de bibliotecas públicas de Galicia pon o foco na función integradora das bibliotecas e na súa capacidade para estimular a cohesión social, facilitando a participación cidadá e a solidariedade. 

Promovido pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, o encontro celebrarase o luns 25 de outubro no Auditorio Neira Vilas e está especialmente dirixido ao persoal traballador da Rede de bibliotecas Públicas de Galicia. 

Á procura de novas ferramentas e perspectivas para a consolidación das bibliotecas como espazos abertos e participativos, de inclusión e integración, e de relación interxeracional, a xornada procura congregar á comunidade bibliotecaria galega nun foro de diálogo cara a revelación e formulación de novas propostas arredor destas grandes temáticas.

Á participación é de balde previa inscrición na web e o evento tamén poderá seguirse en liña a través da canle YouTube da Cidade da Cultura. 

O programa

 
09.30   Recepción 
10.00  Benvida e apertura da xornada
  Anxo Manuel Lorenzo Suárez. Secretario Xeral de Cultura
10.15   A biblioteca solidaria
  David Martínez Ayllón. Biblioteca Pública de Cuenca
11.00  Mesa de experiencias. A biblioteca participativa e aberta a todas as idades
 
  • Antonio Díaz Grau. Biblioteca Pública de San Javier (Murcia)
  • Ana Isabel Alonso López. Biblioteca Pública Enrique Rivera Rouco das Pontes de García Rodríguez (A Coruña)
  • Mónica Carballo Quiroga. Biblioteca Pública do Saviñao (Lugo). Colectivo Lemos Le.
  • Francisco Montoto Veira. Centro Interxeneracional de Ourense.
12.00  Pausa café
12.30 Mesa de experiencias. A biblioteca inclusiva e integradora
 
  • Juan Sobrino García. Biblioteca Pública de Soto del Real (Madrid)
  • Mar García Pérez. Biblioteca Pública Xosé Neira Vilas de Vigo (Pontevedra)
  • Vicente Rodríguez Justo. Biblioteca Pública de Verín (Ourense)
  • Santiago González Avión. Asociación Diversidades
13.30 Entrega do Premio á innovación bibliotecaria 2021
13.45 Conclusións e peche 
 
 

Contidos

Con esta xornada tratarase de afondar na función integradora das bibliotecas en torno ás seguintes áreas:

A biblioteca inclusiva e integradora | Trátase de visibilizar a capacidade da biblioteca para funcionar como centro integrador, mediante a prestación de servizos e a posta en marcha de programas orientados a persoas desfavorecidas, pertencentes a minorías ou con dificultades de integración social.

A biblioteca como espazo de relación interxeracional | As condicións de vida actuais non favorecen a convivencia entre distintas xeracións, e as persoas maiores corren o risco do empobrecemento das súas relacións e de illamento. As bibliotecas poden contribuír a reducir esta separación a través de espazos e actividades que favorezan o intercambio e a convivencia.

A biblioteca aberta e participativa | A biblioteca pode erixirse en centro cultural e social de referencia na comunidade, a través da relación, cooperación e coordinación con outros centros e institucións activos na contorna. Ao mesmo tempo, pode contribuír á construción dunha sociedade máis madura, consciente e integradora facilitando a participación cidadá e a consolidación de relacións sociais positivas, a través da colaboración con diversos colectivos e institucións.

A Xornada pecharase coa entrega do Premio á Innovación Bibliotecaria de Galicia 2021.

 
Letras & Pensamento