8 Mulleres | Obradoiro polo Día Internacional da Muller 2023

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, a Cidade da Cultura organiza o obradoiro familiar “8 MULLERES”, que pretende achegar á cativada de forma divertida a obra de oito creadoras galegas de relevancia ao longo dos séculos XX e XXI como son: Maruja Mallo, Pamen Pereira, Soledad Penalta, Almudena Fernández, Berta Cáccamo, Lolita Díaz Baliño, María Xosé Díaz e Menchu Lamas.

Tomando como referencia as súas obras a pequechada será partícipe de diversas instalacións artísticas especialmente pensadas para favorecer a súa autonomía e aprendizaxe a través da experimentación e o xogo. Desta maneira, a intención é visibilizar e darlle relevancia ao papel da muller no mundo das artes plásticas, sendo así unha experiencia cargada de simbolismo na que subxace a mensaxe da importancia de tecer redes.

Desenvolvemento:

  • De cada unha das artistas mencionadas escolleuse unha ou varias obras que serviron de base para realizar unha serie de instalacións de xogo. A cativada participante poderá converterse en axente activo do proceso transformando esas instalacións, dándolle movemento. Están pensadas para accións que teñen que ver coa motricidade grosa e a experimentación sensorial.
  • Xunto a cada proposta de xogo aparece a ilustración da autora e a imaxe da obra orixinal na que está inspirada.

 

Organiza: Arkhé Espacio Educativo.