50 Anos de Rayuela

En 2013 cúmprese medio século da publicación dun artefacto narrativo que había revolucionar os fundamentos da novela moderna: Rayuela.

O seu estilo fragmentario e brincador aínda chama hoxe a nosa atención, pero tamén os mundos apaixonantes que describe e os debates filosóficos que a nutren, debates que son o espello no que se reflicte unha época.

O existencialismo, o estruturalismo e moitos outros “ismos” cobran vida neste libro, dando conta dun momento histórico vibrante no que París e Bos Aires eran poderosas factorías do pensamento.

PROGRAMA

12:00 | Relatorio: Jean Liberto Andreu
Ensaísta, crítico de arte e profesor de literatura e cultura hispanoamericana da Universidade de Toulouse – Le Mirail, onde foi redactor da revista de culto Caravelle. Considerado un dos meirandes especialistas na obra de Cortázar, a quen o unía unha estreita amizade. A editorial Alfaguara publicou as cartas que lle enviou o escritor arxentino (Julio Cortázar, Cartas, 2 e 3).

12:45 | Proxección fotográfica: Claudio Rodríguez Fer
O poeta e director da Cátedra Valente da USC mostrará unha selección de imaxes de Cortázar, enriquecidas polas súas explicacións e comentarios.

13:15 | Concerto: Sin Red
Cuarteto poético-musical, pioneiro na península ibérica no uso da improvisación libre e no diálogo e exploración das relacións entre música e palabra, estrea en exclusiva para Nexos unha peza inspirada en Rayuela.