10 anos, 10 autores, 10 libros | Santiago Lopo

O ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros da Biblioteca de Galicia continúa este venres, 1 de outubro, co escritor, tradutor e profesor Santiago Lopo. O gañador do Premio Xerais de Novela no 2017 e autor da recentemente publicada A carteira, falaranos dunha das grandes obras da nosa literatura, Merlín e familia. Lopo estará acompañado polo investigador, profesor e crítico literario Armando Requeixo, un dos máis grandes coñecedores, non só de Cunqueiro senón da literatura mindoniense.

O clásico de Álvaro Cunqueiro, publicado por primeira vez en 1955 pola editorial Galaxia baixo o título de Merlín e familia i outras historias, será o libro que artelle a conversa entre os nosos dous convidados. De seguro nos permitirá achegarnos a aspectos pouco coñecidos dunha obra que popularizou o ciclo artúrico nunha xeración de lectoras e lectores que descubrían por primeira vez o galego nas páxinas dun libro.

Traducida ao castelán polo propio Cunqueiro, Merlín e familia tamén se pode ler en idiomas como o inglés, o italiano ou o alemán.

Como vén sendo habitual, a sesión de 10+10+10 arrancará no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia ás 19.00 horas, e a asistencia é de balde previa inscrición. Tamén se poderá seguir na nosa canle de YouTube.

O ciclo continuará no mes de outubro coas intervencións de Andrea Maceiras e Juan Tallón.

 

Os autores

Santiago Lopo

Santiago Lopo (Vigo, 1974)
 
Escritor, tradutor e profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Como narrador publicou Game Over (Biblos, 2007, Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia), Peaxes (Xerais, 2009), Hora zulú (Galaxia, 2012, Premio de novela García Barros), A Diagonal dos Tolos (Galaxia, 2014, Premio Narrativa Breve Repsol), A voz das nereidas (Editorial Elvira, 2016) e A arte de trobar (2017, Premio Xerais de Novela).
Acaba de publicar en Edicións Xerais A carteira (2021), unha novela onde se narran as vicisitudes dunha carteira eventual que traballa na periferia dunha gran cidade. Un libro que mestura o humor, a intriga e a denuncia social.


Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971)

Armando RequeixoCrítico literario e investigador. Profesor na USC e secretariodo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Como ensaísta e estudoso ten publicado numerosas monografías e edicións de autores clásicos da literatura galega do século XX. Tradutor, coordinador de Publicacións e Actividades da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro e secretario do Boletín Galego de Literatura, é colaborador habitual dos xornais do Grupo Editorial Prensa Ibérica (Faro de Vigo, La Opinión) e do Grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños) e tamén da  Radio Galega. 

 
Letras & Pensamento