10 anos, 10 autores, 10 libros | Arantza Portabales

O ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros, que organiza a Biblioteca de Galicia para celebrar o seu décimo aniversario, terá como primeira protagonista á escritora Arantza Portabales. A autora de “Beleza vermella” falará da pegada que tivo na súa traxectoria persoal e literaria a obra de Manuel Rivas, “Que me queres amor?”. Publicada en 1995, este conxunto de 16 relatos foi Premio Nacional de Narrativa e un dos libros máis recoñecidos polos lectores neses anos.

Esta nova proposta cultural da BdG permitirá achegarse ás impresións de Arantza Portabales sobre as historias e os protagonistas desta obra, na que a dor e a soidade están moi presentes, pero tamén a tenrura e o humor como ferramentas coas que superar a crueldade do mundo.

Na súa aproximación a esta obra de gran sensibilidade e imaxinación, Arantza Portabales estará acompañada da xornalista Susana Pedreira. A conversa entre as dúas seguro que achegará unha visión persoal e sorprendente de “Que me queres amor?

Arantza Portabales Santomé (Donosti, 1973) é licenciada en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e funcionaria da Escala Superior de Finanzas da Xunta de Galicia.

Iníciase como escritora no ano 2013, cultivando o xénero do microrrelato. En outubro de 2015 publicou o seu primeiro libro de microrrelatos: “A Celeste la compré en un rastrillo” (Zaera Silvar, 2015). Ese mesmo ano, a súa novela en lingua galega, “Sobrevivindo” (Galaxia 2015) resultou vencedora do XV Premio de Novela por Entregas da Voz de Galicia.

A súa segunda novela “Deixe a súa mensaxe despois do sinal,” (Galaxia, 2017) foi traducida ao castelán pola Editorial Lumen, ao italiano (Solferino, RCS group) ao hebreo (Keter books) e ao alemán (BTB-Penguin Random House) e levada ao teatro pola Compañía Tanttaka.

A súa terceira novela “Beleza vermella” (Galaxia, 2019), publicouse conxuntamente coa tradución da mesma ao castelán (Editorial Lumen), sendo publicada tamén en Italia baixo o título “Bellezza Rossa” por Solferino. En 2020 publicou un libro ilustrado de relatos “Historias de mentes” (Editorial Bululú).

En maio de 2021, publicará unha nova novela negra, continuación de “Beleza vermella”, titulada “A vida secreta de Úrsula Bas” (Editoria Galaxia), que sairá o mesmo día coa editorial Lumen na súa versión en castelán.

Susana Pedreira Buján (Vitoria – Gasteiz, 1983). Xornalista.Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Comezou traballando en comunicación empresarial e institucional. No ano 2010 incorpórase é redacción de Onda Cero en Galicia, desde entón dirixe e presenta o programa local diario “Más de Uno Pontevedra”. En setembro de 2015 asume a coordinación do programa “Gente Viajera de Galicia”. Ademais, desde 2016 forma parte da programación nacional de Onda Cero co programa “Un alto en el camino”, catro horas de directo nas mañás da fin de semana que cada verán se emite desde Pontevedra para todo o Estado.

É unha das co-autoras do libro “Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo”, editado por Galaxia e a Deputación de Pontevedra, e co-fundadora do foro "As mulleres que opinan son perigosas", que xa celebrou a súa cuarta edición neste 2021.

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
1 - 13 Xul 2024
Convocatoria pechada